Ana Pontón felicita o 2023 cunha mensaxe de confianza en Galiza e na cidadanía para saír da crise e construír un futuro mellor

Ana Pontón
Ana Pontón

Desde a cociña da casa familiar en Chorente, reivindica o papel do rural, a sanidade pública, o respecto ás persoas maiores e o traballo das mulleres

Confianza é a palabra que centra o discurso: na mocidade, nas empresas, nos e nas traballadoras, no tecido produtivo e no talento cultural e científico

“Somos un gran País, cun gran futuro se confiamos en nós”, proclama na súa mensaxe de Nadal

A portavoz nacional, Ana Pontón, elixiu a cociña da súa casa familiar en Chorente (Sarria) para felicitar o ano, cunha mensaxe con moitas referencias persoais, na que expresa a súa confianza en Galiza e nos galegos e galegas para saír adiante nesta crise e construír un futuro mellor para todos e todas.

Confianza é precisamente a palabra que a líder do BNG máis repite no seu discurso, no que, apelando as súas propias vivencias, reivindica a importancia do rural, do respecto ás persoas maiores, do valor do traballo das mulleres e no que fai unha defensa dos servizos públicos.

“Estamos a punto de rematar 2022 e son días de apertas, de reencontros, sobre todo neste País no que tantos e tantas estades lonxe das persoas que máis queredes”, empeza Pontón, “días de compartir, de reunirnos arredor da mesa da cociña, como esta na que eu me criei en Chorente”.

Unha cociña, confesa, na que aprendeu moitos dos valores “que lle dan sentido á política, como o valor de escoitar e dialogar”. “Aprendín a importancia da xente do rural que, como os meus avós e os meus pais, traballaban a terra para producir alimentos; aprendín que temos que coidarnos unhas ás outras” e, por iso, “me indignada o deterioro dos servizos públicos, en especial a sanidade. Non podemos permitir que nos rouben o dereito á saúde”, subliña.

“Aquí, cos meus avós, aprendín o respecto polas persoas maiores, e que mellor maneira de respectalas que garantindo o seu dereito a unha vellez digna?”,  declara, ao igual que nesa mesma cociña, “co exemplo” da súa avoa, da súa nai ou da súa irmá,  aprendeu “a forza e o valor do traballo das mulleres e sei que, si ou si, o futuro será en igualdade”.

A líder do BNG reivindica a importancia das “raíces” e de encarar o futuro desde o orgullo do que somos e de onde vimos.

“Cada ano volvo a esta cociña, porque desde as raíces somos capaces de avanzar e, por iso, a pesar das dificultades, teño confianza no futuro, porque teño confianza en Galiza e en todos e todas vós”, declara na súa alocución de Nadal.

“Confianza nas empresas, innovadoras e á vangarda, con traballadores e traballadoras de primeira; nos sectores produtivos, como o agro e a pesca, que souberon modernizarse. Teño confianza vendo como cada día sacades adiante o voso negocio, loitando, sen rendervos; confianza ante a creatividade da nosa xente da cultura e ante o noso talento investigador nas universidades. Como non sentir confianza cando vexo á mocidade que vos implicades co planeta e o voso empeño en encontrar alternativas aquí?”, destaca no seu discurso.

 

 

 

“Por todo isto e moito máis, confío en Galiza, un gran País, cun gran futuro se confiamos en nós.  Feliz 2023 para todos e todas”, conclúe Pontón a mensaxe de felicitación, este ano desde a cociña da súa casa familiar de Chorente, un espazo persoal común a todos os galegos e galegas.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG