Ana Pontón: “Feixóo ten que escoitar máis ás galegas e galegos e menos a estrema dereita”

Ana Pontón
Ana Pontón

Defender a sanidade pública e emendar a discriminación nos orzamentos, prioridades do Bloque fronte a un presidente subordinado a Casado

“Despois de salvar España en 15 minutos a ritmo de pasodobre, ten tempo para ocuparse dos problemas de Galiza?”, ironiza a líder do BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, amosou o seu “orgullo” por unha cidadanía que saíu á rúa para defender a sanidade pública en contraposición cun presidente da Xunta que lle provoca “vergoña” desprazándose a Madrid, “para facer vulto” nunha concentración baixo o ideario da extrema dereita.

600 quilómetros de distancia que sitúan ao xefe do Executivo “nunha realidade paralela” allea ás verdadeiras preocupacións deste país: “Escoite menos á extrema dereita e escoite máis aos galegos e as galegas”, instou Pontón, “que saíron á rúa a defender a sanidade pública e contra o empeño do PP de converter a saúde nun negocio”.

A dirixente nacionalista tirou de ironía para pedirlle a Feixóo que exerza como presidente. “Pregúntolle se despois de salvar España en 15 minutos a ritmo de pasodobres de Manolo Escobar vai ter tempo para escoitar aos milleiros de persoas que volveron saír á rúa para reclamarlle que non esnaquice a sanidade, vai ter tempo para atender as prioridades da sociedade galega ou vai seguir tras os pasos dun PP cada vez máis botado ao monte”.

Nesa obriga de escoitar á cidadanía, Pontón pediu a Feixóo o cese do conselleiro de Sanidade “para demostrar que está por un cambio real de política sanitaria e porque alguén debe asumir responsabilidades pola desfeita”. E medidas efectivas concretas como as que propón o BNG, empezando pola convocatoria das 6.067 prazas vacantes no SERGAS, un plan de mellorar urxente na atención primaria cun orzamento adicional de 200 millóns de euros e atender as demandas de todos os colectivos profesionais mobilizados.

A outra cuestión de urxencia que debería ocupar ao inquilino de Montepío é a discrimación nos orzamentos do Estado, en véspera do debate de totalidade no Congreso. “Ningún grupo presentou unha emenda para defender os intereses de Galiza”, pese a que soporta un recortazo do 19% fronte a incrementos millonarios en Andalucía, Catalunya, Valencia, -á que tamén se lle condona a débeda do porto mentres se mantén no da Coruña-, Madrid, Aragón, Asturias ou Estremadura.

Un agravio inaceptable, denuncia Pontón, ante o que Feixóo “o único que fai é subordinarse a Pablo Casado”. Neste sentido, criticou que a iniciativa que o PP trae ao Parlamento galego, -non Congreso non presentou nada específico para Galiza-, propón manter o investimento de 2018. “Noutras palabras, o que ven dicirnos é que lle gustaba máis a discriminación do PP na que Raxoi decretaba un recorte de 442 M€ mentres pactaba con Euskadi 4.000 millóns de euros e a tarifa eléctrica vasca”, alegou.

2.000 millóns de euros, investimentos mínimos

Por contra, o BNG levará ao pleno de mañá unha proposta que recolle un investimento mínimo de 2.000 millóns de euros, a mesma cifra que as contas estatais recollían para este país fai dez anos cando a formación nacionalista condicionaba os orzamentos do Estado.

“Temos que poñer o listón alto porque ademais hai unha débeda histórica”, salientou, “e debemos pedirlle aos representantes dos e das galegas no Congreso que defendan os intereses de Galiza. Non podemos pasar por menos”. Sanear as rías, modernizar o ferrocarril, condonar a débeda do Porto da Coruña, 188 M€ para dependencia son algunhas das cuestións que deben formar parte dunha axenda galega, que tamén inclúa a tarifa eléctrica, a devolución do Pazo de Meirás ou incrementar o poder político.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG