Ana Pontón: "Feixoo ten que desculparse e dar expicacións logo de posar sen máscara e sen distancia de seguranza con Casado"

Feixoo e Casado. Foto: Nós Diario
Feixoo e Casado. Foto: Nós Diario
“Non se pode pedir "sentidiño", culpar á xente moza e despois dar tal mostra de irresponsabilidade”, critica, en relación ao acto con Casado en Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu facer un chamamento a extremar a prudencia ante a evolución da pandemia e, neste sentido, foi moi crítica coas imaxes do acto do PP nas que o presidente da Xunta e o presidente dos populares posaban sen máscara e sen gardar a distancia de seguridade.

“É un asunto moi grave que debe ser aclarado, porque non se pode apelar ao "sentidiño" como fai o señor Feixóo e despois facer posados fotográficos co señor Casado sen gardar a distancia de seguridade e sen máscara. Iso é toda unha mostra de irresponsabilidade cando se lle está pedindo a cidadanía que se esforce por cumprir as normas porque hai moito en xogo”, salientou Pontón ao inicio da súa comparecencia en Pleno con motivo do debate de orzamentos.

“Non se pode apelar á responsabilidade individual e despois dar unha mostra de irresponsabilidade, non se lle pode culpar aos mozos e mozas, como fixo o presidente da Xunta, non se lle pode culpar á cidadanía e despois facer o contrario do que estas esixindo cada día”, afondou, e por iso pediu unha explicación e unha desculpa ao xefe do Executivo.

“Todas podemos equivocarnos, pero cando pasa os galegos e as galegas merecen unha explicación e unha desculpa por parte do señor Feixóo e que sexa canto antes”, demandou, a tres días da celebración do Nadal cando se lle está pedindo ás familias que renuncien a celebralo xuntas despois dun ano tan duro. “Neste contexto non podemos ver as imaxes do presidente galego con seu xefe de filas, o señor Casado, sen máscara e sen respectar a distancia de seguridade. É unha frivolidade”, sentenciou.

Pontón rematou a súa reflexión desexando unha pronta e total recuperación á conselleira de Pesca e tamén a todos os galegos e as galegas que están loitando contra o virus.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG