Ana Pontón a Feixóo: “O seu obxectivo debería ser sacar a Galiza da crise e darlle unha oportunidade a xente moza deste País”

Acto Foz
Acto Foz

Pregúntase se o “camiño por percorrer” consiste en poñer os intereses de Casado por riba de Galiza ou o leva cara a extrema dereita antigalega

Acto na Mariña con motivo do Día da Patria, no que presenta ao BNG como alternativa real ao PP e para acabar coa discriminación do Estado

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Cervo nun acto político dentro da campaña que o BNG desenvolve por todo o País con motivo do Día da Patria, un 25 de Xullo, indicou “para celebrar a nación galega”, que este ano terá a “emoción especial” dos reencontros tras quince meses de pandemia, da lembranza das persoas que xa non están e a emoción do agradecemento a todos e todas as que deron o mellor de si para coidarnos, como as e os profesionais da sanidade ou as traballadoras das residencias.

Un acto no que a líder nacionalista se preguntou se o xefe do Executivo galego non ten as súas prioridades alteradas, despois de que onte proclamase que o seu obxectivo é levar a Pablo Casado á Presidencia do Estado.

“Precisamos un presidente centrado en Galiza, pero o propio Feixóo dinos que o seu obxectivo é levar a Pablo Casado á Moncloa, cando o seu obxectivo debería ser sacar Galiza da crise e darlle unha oportunidade á xente nova para que non teña que coller as maletas; debería estar centrado en reforzar a sanidade e poñer en marcha outro modelo de coidados que non fixera negocio coa vellez, en apoiar a ciencia e a investigación, en definitiva, en defender os intereses do noso País”, argumentou Pontón.

Por contra, alegou, a realidade demostra que para o presidente da Xunta “Galiza, Galiza, Galiza é só un slogan”, porque na práctica actúa como fiel seguidor do madricentrentrismo “que só mira para Madrid, Madrid, Madrid”.

Neste sentido, en referencia ao lema do congreso do PP, Pontón pregúntase “se o camiño por percorrer é o que o leva cara o centralismo madrileño, letal para os intereses dos galegos e das galegas; se é o camiño que leva ao PP cara a extrema dereita machista, racista, xenófoba a antigalega ou se ese camiño consiste en poñer os intereses do PP e de Pablo Casado por riba de Galiza, deixando que nos discriminen e colocando a riqueza do País ao servizo de multinacionais con sede en Madrid”.

Para a líder nacionalista, ese PP representa o pasado fronte o un Bloque Nacionalista Galego que representa o futuro, “ un BNG que cada vez suma máis apoio social, que suma cada vez máis galegos e galegas que queren unha Galiza viva, xusta e con oportunidades. Unha maioría social que non deixa de medrar e que ve en nós a alternativa real ao PP para avanzar cara unha Galiza mellor”.

E para construír ese futuro hai que poñer a riqueza do País ao servizo do País, superar os vetos, os atrancos e o espolio auspiciado polas forzas estatais, que se alternan na súa discriminación con Galiza. ALCOA San Cibrao, indicou, é un exemplo dese agravio.

“Aquí na Mariña temos con ALCOA un exemplo de libro de como as forzas estatais nos discriminan impedindo que nos beneficiemos da nosa riqueza eléctrica. E vemos o absurdo de ter miles de postos de traballo en xogo polo prezo da enerxía cando somos produtores de electricidade”, denunciou.

Intervención da SEPI

Pontón indicou que o BNG seguirá moi de cerca o encontro previsto o vindeiro luns entre a ministra de Industria, Reyes Maroto, e a dirección da multinacional, e volveu pedir a intervención da SEPI: “O futuro pasa porque haxa unha mediación da SEPI nesa compra, porque moito nos tememos que de non ser poderíamos estar ante outro fracaso como o vivido en ALCOA na Coruña, e sería unha irresponsabilidade por parte do Goberno do Estado e da Xunta permitir un novo fracaso”.

O Bloque traslada todo o apoio aos traballadores e traballadoras e insta ao executivos central e autonómico a garantir o emprego, vital para a comarca da Mariña.

A líder nacionalista tamén fixo referencia a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga de ENCE aprobada polo Goberno do PP en tempo de desconto, e insiste en reclamar a Xunta e empresa.

Buscar outra localización para ENCE

“A sentenza deixa claro que o PP actuou ao servizo da empresa e non do interese xeral, que actuou como marioneta en mans de ENCE mesmo vulnerando a legalidade e o que agora lles toca e buscar unha localización alternativa e deixar de tentar enganar á cidadanía porque quen pon en risco o emprego e a continuidade da factoría é o Partido Popular e a dirección da empresa con ese empeño nunha ubicación que non é posible como demostrou a xustiza declarando a prórroga ilegal”, argumentou.

“Que se poñan a traballar para darlle futuro á pasteira noutra localización, que traballen no traslado porque esa é a súa responsabilidade. Senón, serán os responsables de calquera perda de postos de traballo”, subliñou.
 

Pontón animou aos galegos e as galegas a celebrar o Día da Patria, “un 25 de Xullo de reivindicación e de poñer ante o mundo a existencia dunha nación que se chama Galiza e que quere conquistar un futuro mellor desde a confianza no País”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG