Ana Pontón a Feixoo: “Saia do Matrix de Montepio, pise a realidade da rúa, escoite a cidadanía e aporte solucións”

Sesión de control ao presidente da Xunta

Critica que se empeñe en ser “o delegado do PP máis ultra da historia”, no canto de exercer de presidente da Xunta e defender os intereses de Galiza

A líder do BNG aportou propostas ós problemas que mobilizan xs galegxs: rescatar ALCOA, 200 M€ máis para Atención Primaria, mesa para negociar prezos xustos para os produtores e máis recursos contra o machismo

Ana Pontón a Feixoo: “Saia do Matrix de Montepio, pise a realidade da rúa, escoite a cidadanía e aporte solucións”

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta de estar desconectado da xente e de vivir instalado nunha realidade virtual construída a base de propaganda: “Vostede está no Matrix de Monte Pío e esa desconexión impídelle escoitar ós milleiros de persoas que saen á rúa a protestar contra un presidente que se ten convertido nun problema”, denunciou.

Por iso, cada día son máis os galegos e as galegas que ven a Feixóo “como un lastre, alguén que lonxe de dar solucións simplemente busca culpábeis”, e fanllo saber, salientou, manifestándose na rúa. “Dinllo cando se mobilizan en defensa da sanidade pública; cando a comarca enteira da Mariña sae en defensa do seu futuro; dinllo os e as produtoras cando  tamén saen a rúa a reclamar prezos xustos para vivir do seu traballo; ou as mulleres que este 25N volverán encher as rúas contra as violencias machistas”.

“Por iso permítame un consello:  saia do Matrix de Montepío, pise a realidade da rúa, escoite á cidadanía e aporte solucións”, sintetizou Pontón na súa intervención na sesión de control, recalcando que hai solucións para os problemas que están detrás da onda de mobilizacións. “O que se precisa é vontade política, exercer como presidente e deixar de ser o delegado do PP máis ultra da historia, non vaia ser que lle pase como a Pablo Casado e termine nunha misa rezando por Franco”, ironizou.

Pontón recomendou a Feixóo que abandone a soberbia e que “escoite”, porque o malestar non deixa de medrar día a día e a “realidade virtual” do telexornal non vai tapar ese crecente descontento, advertiu, ao tempo que poñía sobre a mesa propostas concretas ás cuestións que están levando ós galegos e ás galegas a encher as rúas.

Empezando pola mobilización da Mariña, o BNG defende un plan industrial para a comarca que teña como primeiro punto a intervención pública da fábrica de San Cibrao. “Non lle dá vergoña vir a este Parlamento e votar en contra da proposta do Bloque para rescatar ALCOA? Que máis ten que facer a veciñanza para que mova ficha sabendo que hai mil postos de traballo en xogo?”, interpelou Pontón.

O outro asunto que provoca a indignación da cidadanía é o deterioro da sanidade pública, de aí a insistencia da formación nacionalista en reforzar con 200 M€ a atención primaria, como primeiro paso para reverter doce anos de recortes. “Cantas manifestacións máis precisa para escoitar? Teña claro unha cousa: a xente non vai renderse na defensa da sanidade pública e derrotará a súa soberbia”, advertiu.

Igualmente, o Bloque propón sentar na mesma mesa a  industria, distribución e produtores para acabar cos baixos prezos no sector agrogandeiro, “pois estamos falando das persoas que nos alimentan é teñen dereito a que se lles pague un prezo xusto”. E, en véspera da celebración do 25N, o BNG insiste na súa proposta de destinar o 1% do orzamento da Xunta, -116 millóns de euros-, á loita contra a violencia de xénero, porque o compromiso contra o machismo demóstrase con recursos.

“Propostas concretas e realistas que só precisan dun presidente capaz de escoitar o que a xente lle di na rúa así que saía do Matrix de Montepío, escoite e aporte solucións”, demandou. Feixóo ignorou as propostas do BNG sen poñer alternativas e, como é habitual, utilizou a sesión de control ao goberno para criticar ao BNG.

Vota contra rescatar ALCOA e desaparece da Mariña

“Nin lle gusta como votan os galegos e as galegas, nin lle gusta como se manifestan”, ironizou Pontón, ao tempo que recomendaba ao xefe do Executivo que escoite e que lea, por exemplo, a sentenza que declara ilegal a prórroga de ENCE. “Deixe de enganar á cidadanía, as traballadoras e traballadores e póñase a buscar unha localización alternativa, defenda o emprego en lugar de defender ó consello de administración da empresa”, recalcou.

Tamén lle reprochou que leve meses desaparecido da Mariña, “mandos os seus deputados á manifestación porque vostede non se atreve a pisar esa comarca e vota en contra da intervención da fábrica de San Cibrao, porque a única intervención que lle gusta ao PP é coller as empresas públicas para vendelas a prezo de saldo e que os seus amigos fagan negocio co que é de todos e de todas. Vímolo na AP9 e tamén con ALCOA”, denunciou.

Pontón destacou que o actual marco enerxético é autoría do Goberno de Rajoy, e ten como resultado o “esperpento” de que unha Galiza rica en electricidade teña miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos mentres o PP “veta” a tarifa eléctrica galega. E, en paralelo, cun boom eólico depredador, pechan empresas como VESTAS, “cando se podería solucionar vinculando os novos parques eólicos a que unha parte dos compoñentes se fabricasen aquí”.

 

Ana Pontón a Feixoo: “Saia do Matrix de Montepio, pise a realidade da rúa, escoite a cidadanía e aporte solucións”