Ana Pontón a Feixóo: “Rectifique cos PACs como fixo con pediatría, porque en sanidade acerta cando rectifica”

Propostas: Plan de choque de 200 millóns de euros adicionais para atención primaria e negociar cos profesionais criterios obxectivos para dotar aos PACs dos medios técnicos e humanos

Cos profesionais dos PACs en folga, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control ao presidente da Xunta para lanzar unha batería de propostas para mellorar a atención primaria, -porta de entrada ao sistema-, e proclamar ante Feixóo que outra política sanitaria é posible, se rectifica.

“Señor Feixóo outra política sanitaria e posíbel, basta con que rectifique, porque cando rectifica acerta. Acaba de deixalo claro dando marcha atrás á falcatruada de suprimir os pediatras de atención primaria, rectifique tamén cos PACs porque rectificar é de sabios e en sanidade ten moito que rectificar”, salientou Pontón, tras acusar ao xefe do Executivo de ser “un perigo para a saúde das persoas”.

A grave situación destes servizos de urxencia quedou en evidencia co tráxico suceso da Estrada, onde un doente faleceu nos corredores do centro de saúde porque non había ningún médico para atendelo. Como denuncian os profesionais en folga, “a falta de persoal provoca que un só médico se teña que facer cargo do traballo para o que dous efectivos xa serían insuficientes. Os PAC´s están nunha situación de sálvese quen poida e o peor é que non se trata de nada puntual”, resaltou Pontón dando lectura a unha da cartas denuncia difundidas polo persoal dos PACs.

Pero Feixóo continuou “ca fuxida cara diante, instalado no papel de profeta da post-verdade proclamando que a sanidade pública está mellor que nunca, pese o recorte de 2.000 M€ en atención primaria e a desaparición de 1.800 profesionais”, argumentou Pontón.

Neste contexto, a dirixente do Bloque propúxolle tres medidas para mellorar a situación dos PACs.

En primeiro lugar, “escoitar aos profesionais destes centros que se están deixando a pel para manter un sistema de atención primaria que vostede tritura”, alega. En segundo lugar, pór fin a precariedade laboral e dotar dos medios técnicos e humanos necesarios a todos os PAC´s do país, en base a criterios obxectivos e pactados. E, por último, un plan de choque para investir 200 M€ adicionais en atención primaria en 2019.

Pontón fixo referencia á situación de Povisa como un exemplo máis das consecuencias da política de recortes e privatizacións do PP, “un caso de manual de portas xiratorias coa señora Rocío Mosquera saltando de Povisa á Consellería de Sanidade, da Consellería a empresa Galaria, e a persoa que estaba en Galaria salta para Povisa”.

“Unha maraña de intereses espurios que pagan doentes e profesionais”, denunciou, cuxas consecuencias pagan os doentes e o persoal. “Pedimos luz e taquígrafos nos concertos con Povisa, porque é responsábel de que unha empresa privada estea chantaxeando a 139.000 usuari@s e 1.400 profesionais”, criticou a dirixente do Bloque, quen concluíu a súa pregunta de control lamentando a falta de rigor e falta de respecto de Feixóo ao Parlamento, “sen dar respostas e facendo oposición da oposición”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG