Ana Pontón: “Feixóo provocou un dano sen precedentes á imaxe de Galiza co desastre da candidatura da Ribeira Sacra e debe dar explicacións”

Mosterio de Santa María de Ferreira (Pantón)
Mosterio de Santa María de Ferreira (Pantón)

Atribúe o fracaso a “incompetencia e soberbia política” e pide mirar cara o futuro cunha proposta: Plan de xestión e de usos para a Ribeira Sacra

Ante a escalada da factura da luz: intervención pública, IVE do 4% e tarifa eléctrica galega que compense polos custes de producir electricidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse ao concello de Pantón, no corazón da Ribeira Sacra, para manter un encontro con colectivos sociais e responsables políticos tras coñecer o fracaso da candidatura desta comarca emblemática como patrimonio da humanidade. Un fracaso que ten danado a imaxe de Galiza e do que a líder nacionalista responsabiliza ao presidente da Xunta.

“O contundente informe negativo contra a candidatura da Ribeira Sacra é a crónica dun fracaso anunciado do que Feixóo é principal responsable, por incompetencia e por soberbia política. É o máximo responsable de presentar unha candidatura mal enfocada e sen diálogo social, unha oportunidade perdida que ten provocando un dano na imaxe internacional de Galiza que non ten precedentes”, destacou Pontón, desde o mosteiro de Santa María de Ferreira.

“E ten que dar explicacións políticas porque o informe negativo de ICOMOS é tan contundente que lle debería caer a cara de vergoña”, recalcou despois de que o PP vetara onte mesmo a comparecencia do conselleiro de Cultura.

Para a o BNG, a candidatura da Ribeira Sacra non prosperou por tres cuestións fundamentais: porque o Goberno de Feixóo non fixo o seu traballo e a día de hoxe a Ribeira segue sen plan de xestión e de usos; porque actuou con soberbia, sen diálogo social coa comarca ao tempo que ignorou as alegacións presentadas por colectivos e entidades como o Consello Galego da Cultura ou a Rede do Patrimonio Cultural.

“Desde a soberbia non se pode construír nada importe”, reprochou Pontón e, finalmente porque o Executivo do PP errou cun enfoque no que o patrimonio e a paisaxe son presentados como mero escaparate turístico fora de contexto.

O dano á imaxe de Galiza xa está feito con este estrepitoso fracaso que é ademais unha oportunidade perdida pero, subliñou Pontón, hai que mirar cara o futuro con propostas concretas para a Ribeira Sacra.

“Non podemos quedarnos paradas, hai que mirar cara adiante e poñer sobre a mesa alternativas de futuro para a Ribeira Sacra, BIC desde 2018 pero sen que esa protección supuxera nada para esta comarca emblemática. Para o BNG hai unha prioridade clara: desenvolver dunha vez por todas un Plan de xestión e de usos da Ribeira Sacra que debe facerse desde a colaboración e o diálogo con todos os axentes implicados: Xunta, Concellos, colectivos sociais, tecido económico entidades culturais. E tamén implicando á veciñanza, que debe sentirse protagonista”, alegou.

 

A creación dunha mesa con todas as partes implicadas sería unha ferramenta útil para o deseño dese Plan de xestión e de usos que, se se fai coa implicación do tecido social, económico e cultural, pode actuar como motor dunha segunda oportunidade para a candidatura da Ribeira Sacra.

Máximo histórico no recibo da luz

Pontón volveu facer referencia á escalada do prezo da luz que augura unha subida histórica da factura, e iso nunha Galiza que produtora neta de electricidade que paga un custe ambiental desde fai décadas, -a propia Ribeira Sacra ten encoros que foi un dos elementos negativos sinalados polo ICOMOS que penalizou á candidatura-, sen recibir beneficio algún.

A líder do Bloque propón intervención pública, IVE superreducido do 4% e  unha tarifa eléctrica galega que permita repercutir nas familias e nas empresas a riqueza do País.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG