Ana Pontón: “Feixóo ponse do lado das eléctricas no canto de tomar medidas para baixar a factura da luz”

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG propón unha tarifa eléctrica galega e un IVE súper reducido do 4% para conseguir un aforro de 330 euros anuais por familia

Abrir expedientes ás petroleiras por pactar prezos á alza e baixada da presión fiscal, medidas do Bloque contra a subida dos carburantes

Ana Pontón: “Feixóo ponse do lado das eléctricas no canto de tomar medidas para baixar a factura da luz”

A escalada de prezos da luz nun país que produce electricidade a esgalla foi cualificada pola portavoz nacional, Ana Pontón, como “unha tomadura de pelo e unha estafa monumental ás familias e ás empresas deste país”, da que responsabilizou ao presidente da Xunta.

“Impórtalle un bledo que haxa pobreza enerxética, que as familias non podan prender a calefacción ou que haxa empregos en risco polo coste da electricidade. Só lle preocupa manter os beneficios das eléctricas. Lamentamos que se poña de novo a camiseta do lobby eléctrico”, criticou a dirixente do Bloque na sesión de control a Feixóo, tras salientar que “desde que goberna a luz subiu un 84%” e a día de hoxe, 180.000 persoas sofren pobreza enerxética nun país que exporta electricidade.

Para baixar o custe da luz, o Bloque puxo encima da mesa dúas propostas que permitirían reducir en 330 euros anuais a factura: tarifa eléctrica galega e aplicar un IVE súper reducido do 4% en lugar do 21% actual “porque a luz non é un Ferrari, é un ben de primeira necesidade nas casas”. Ademais, instou ao Executivo a crear unha empresa pública que asuma as presas hidroeléctricas en concas da súa competencia que teñan finalizada a concesión.

Por contra, destacou, “a resposta do PP foi até agora apelar a meteoroloxía, á resignación a pagar máis, as portas xiratorias ou impoñer unha tarifa eléctrica galega ao revés, é dicir, en vez de pagar menos imos pagar a luz máis cara porque nos van penalizar por ser produtores”.

En relación aos carburantes, o BNG critica que Galiza figure á cabeza no prezo do gasóleo e da gasolina nun país cos salarios e as pensións á cola do Estado, e reclamou que se sancione ás petroleiras “porque é evidente que están pactando os prezos á alza”, e baixar a presión fiscal. “O que non serve de nada é anunciar en 2018 as mesmas medidas que en 2014, moita propaganda e cero solucións”, criticou Pontón.

“A maioría da xente coincide con nós en que é inxusto que producindo electricidade non teñamos compensacións na factura da luz,  ou que tendo unha refinería na Coruña paguemos un prezo tan alto polo gasóleo e a gasolina”, salientou a dirixente do Bloque, tras recordarlle a Feixóo que o bono social apenas palía a situación do 10% dos galegos e das galegas que sofren pobreza enerxética. E mentres, os beneficios das eléctricas non deixan de medrar, 5.600 millóns de euros o ano pasado.

 

O TSXG condena á Xunta

A portavoz nacional arrancou a súa pregunta de control ao presidente da Xunta lembrando a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “O TSXG  acaba de dicir que o seu Goberno intentou boicotear a folga de mulleres do 8M señor Feixóo. Está claro que na Xunta hai moito macho alfa e pouco respecto polos dereitos das mulleres”, lamentou.

Ana Pontón: “Feixóo ponse do lado das eléctricas no canto de tomar medidas para baixar a factura da luz”