Ana Pontón: “Feixóo opta por quedarse na Galiza porque non quere ser a cara do batacazo electoral do PP”

Ana Pontón
Ana Pontón

Advirte contra a tentación de cambiar unha década de servilismo pola utilización de Galiza como arma de confrontación do PP contra o Estado

Reitera a proposta de defender unha axenda galega cos temas de país

A portavoz nacional, Ana Pontón, ten claro que a decisión de Feixóo responde a unha calcula reflexión en termos de interese persoal na que, tras analizar pros e contra, chegou á conclusión de que era mellor dar un paso atrás para non cargar coa previsible derrota electoral do PP.

“Opta por quedarse en Galiza por descarte, porque sabe que o PP condenado por corrupción está en horas baixas é non quere ser a cara do batacazo electoral, nin facer a travesía do deserto que lle queda por diante ao PP”, sintetizou Pontón. A líder do Bloque subliñou a lexitimidade de Feixóo para postularse, pero cualificou de “falta de respecto” ter a este país supeditado a súa axenda persoal durante dúas semanas.

Pero xa no día despois, a dirixente do Bloque chamou a atención sobre o discurso do xefe do Executivo proclamando, -no seu particular acto de autobombo-, proclamando que Galiza nin se quedará calada, nin se quedará quieta.

“Quero dicirlle que durante estes anos non foi Galiza quen estivo calada nin quieta, senón o señor Feixóo, utilizando Galiza unicamente para servir ao PP nunha estratexia de servilismo a Raxoi, e hoxe temos máis paro, servizos públicos deteriorados e temas claves para o país aparcados”, criticou. Pontón pregúntase se con esa soflama pretende facer “propósito de emenda”.

“Se é así, espero que non cambie o servilismo a Raxoi e a Madrid pola utilización partidista de Galiza como arma na estratexia de confrontación do PP co Goberno do Estado”, subliñou, porque o importante é defender os temas claves para o futuro do país “nesa axenda galega que puxo o BNG sobre a mesa e á que lle pedimos que se sume”.

Axenda galega que inclúe cuestións cruciais que o Goberno central leva unha década vetando coa axuda cómplice do presidente da Xunta, como a transferencia da AP9, a tarifa eléctrica propia, a modernización do ferrocarril, un sistema financeiro xusto, entre outros. “Estas son as cuestións claves para quen se interese realmente polo benestar dos e das galegas”, recalcou.

Por contra, o xefe do Executivo ten demostrado é que non é capaz de facer avanzar este país. “Que conseguiu ao longo destes dez anos, que gran medida puxo en marcha?”, interpelaba Pontón, cuxa diagnose é que deixa é unha Galiza con máis paro, precariedade, emigración, desigualdade, con servizos públicos máis privatizados e uns medios públicos entregados a glosar a súa figura. “É preciso un cambio de rumbo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG