Ana Pontón a Feixóo: "Onde está o protocolo da Xunta para regular a nova normalidade cando se levante o estado de alarma?"

Ana Pontón
Ana Pontón
“Onde están as normas para regular cuestións que afectan a miles de persoas como escolas infantís, centros de día ou para regular os aforos”, interpela

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o importante non é levantar o estado de alarma unha semana antes senón que o Goberno tome decisións e determine os protocolos a seguir a partir de agora, en cuestións que afectan a milleiros de persoas no seu día a día, e demanda de Feixóo que adopte decisións e as explique.

“O relevante non é se o estado de alarma se levanta unha semana antes en Galiza que no resto do Estado, o relevante, e a iso debe responder o presidente da Xunta, é que decisión vai tomar sobre como se regula esta nova normalidade no noso país. Entendo que hai temas que ten sobre a mesa e sobre os que debe responder, que a Xunta debe facer un protocolo adaptado á realidade do noso país”, explicou a candidata á Presidencia.

Neste sentido, Pontón se pregunta se vai haber unha regulación que mude os actuais aforos, ou se vai vai cambiar a regulación actual “en cuestións que afectan a miles de persoas por exemplo, se se levanta o estado de alarma porqué non se establecen normas específicas para que poida haber servizos de conciliación nas escolas infantís ou porqué non se toman decisións para que as persoas con necesidades especiais poidan acudir ao seu centro de día, que teñan acceso a algún tipo de servizos mínimos”, argumentou.

“No BNG entendemos que a decisión relevante non ten tanto que ver con adiantar unha semana o levantamento do estado de alarma senón que está nas decisións que debe tomar o Goberno de Feixóo sobre como se vai regular esta nova normalidade e, até agora, nada sabemos porque nada se ten anunciado nese ámbito”, subliñou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG