GALEGAS 2020

Ana Pontón: “Feixóo non pode usar o estado de alarma para darse autobombo, Galiza non está para irresponsabilidades"

Presentación Lugo
Presentación Lugo

Tilda de improvisación o anuncio sen ter un protocolo que regule cuestións clave para a poboación: “non se trata de ser o máis listo da clase senón de facelo ben”

Na presentación da candidatura en Lugo: “Un goberno do BNG non deixará caer ALCOA”

Pide unha mobilización masiva arredor do BNG a todas as persoas que queren un cambio real: “amarguémoslle a noite electoral ao PP e abramos un tempo novo”

Ana Pontón: “Feixóo non pode usar o estado de alarma para darse autobombo, Galiza non está para irresponsabilidades"

A portavoz nacional, Ana Pontón, advirte ao presidente da Xunta que Galiza non está para improvisacións tras tres meses de confinamento pola crise da COVID19, e que a desescalada non é unha “carreira” para ver quen se apunta o tanto de chegar antes anunciando o fin do estado de alarma senón unha cuestión “moi seria” que require decisións desde o rigor.

“Unha pandemia que tivo e sigue a ter un custe enorme en termos sanitarios, económicos e sociais require respostas co máximo de rigor e responsabilidade por parte do Goberno da Xunta, non é unha carreira para chegar máis rápido para quedar o primeiro da clase, senón que se trata de chegar nas mellores condicións para o conxunto da poboación”, explicou a candidata á Presidencia, quen considera “incomprensible a total improvisación de Feixóo que anuncia o fin do estado de alarma sen ter os deberes feitos, sen ter un protocolo de actuación claro para que a cidadanía saiba como actuar, que facer a partir de agora”.

“Que sentido ten anunciar o fin do estado de alarma sen que iso se acompañe dun protocolo, de normas claras? Esta caendo na mesma improvisación que reprochou ao Goberno do Estado estes tres meses: que vai pasar coas escolas infantís, que vai pasar cos aforos en locais públicos e privados, que vai pasar coa xestión dos centros de día, coas actividades lúdicas e de ocio propias do tempo estival que moven a miles de persoas.”, interpelou desde Lugo durante a presentación da candidatura por esta provincia que encabeza Olalla Rodil.

“Son cuestións que o candidato do PP tiña que ter aclarado antes de poñerse a facer anuncios de autobombo para quedar como o listo da clase, cando realmente se está comportando como o irresponsable da clase, e non está Galiza nin os galegos e as galegas para irresponsabilidades nin para improvisacións nunha cuestión tan seria como a desescalada”, recalcou.

Pontón fixo un chamamento a todas as persoas que queren un cambio real para que o fagan posible mediante unha gran mobilización nas urnas o 12X arredor do BNG: “é urxente conseguir un cambio galego que permita facer avanzar e darlle un futuro á maioría social que quere vivir e traballar na súa terra, e se todas as persoas fartas de ver como co PP Galiza vai a menos nos mobilizamos, o cambio galego será imparable”.

A candidata á Presidencia cualificou de “excepcional” a próxima cita coas urnas e reiterou o chamamento á mobilización: “imos amargarlle a noite electoral a Feixóo e abrir un tempo novo en Galiza, fagámolo posible”.

Na presentación da lista por Lugo, Pontón salientou o “compromiso” das persoas que a integran na defensa de Galiza e de Lugo: “aquí e agora esa defensa ten un nome propio: ALCOA-San Cibrao”, reiterando o seu compromiso de que un Goberno liderado polo BNG “non vai deixar caer ALCOA”. “Se PP e PSOE non teñen alternativa nin vontade política para salvar a factoría, o BNG si, e esa alternativa pasa pola nacionalización e por unha tarifa eléctrica galega”, recalcou.

Nacionalización a través dunha intervención pública, “legal, posible e imprescindible”, como se está a facer por parte de Alemaña e reiterou o seu convencemento de que se a factoría en vez de estar na Mariña de Lugo estiveran en Madrid “a solución xa estaría sobre a mesa”. “Non podemos permitir un novo agravio, só fai falta vontade política e amor por este país para salvar ALCOA e o BNG ten as dúas”, subliñou.

Ao lado da nacionalización, un prezo xusto da enerxía cunha tarifa eléctrica galega que acabe co espolio enerxético, para que a electricidade deixe de ser “un festín para que uns poucos se fagan de ouro” e pase a servir para darlle futuro a Galiza e manter miles de empregos. “Ás portas dunha crise sen precedentes, con miles de traballadores e traballadoras en ERTE ou na cola do paro, permitir que se perdan empregos polos custes enerxéticos cando somos ricos en electricidade é, simplemente, inmoral”, denunciou.

Pontón destacou o papel de Olalla Rodil, “a voz de Lugo no Parlamento ao longo destes catro anos, unha voz reivindicativa que fixo que todas as cuestións que preocupan a esta cidade e a esta provincia se escoitasen ben alto e ben claro”, a que se van sumar tras o 12X as de outros integrantes da lista como Daniel Castro, Carme Aira, Mario Outeiro nunha candidatura que combina renovación e experiencia, na que as mulleres teñen un papel protagonista e tamén a xente moza.

Ana Pontón: “Feixóo non pode usar o estado de alarma para darse autobombo, Galiza non está para irresponsabilidades"