Ana Pontón: "Feixóo non pode supeditar a loita contra o virus na Galiza á estratexia partidista de Casado e Ayuso"

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide non estender o conflito Madrid-Estado ao resto e reclama “sensatez, cordura e diálogo” porque está en xogo a saúde das persoas

Protocolos claros, blindar residencias, rastrexadores suficientes e reforzar o sistema sanitario, entre os deberes pendentes do presidente da Xunta

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta que non supedita a loita contra a COVID19 en Galiza e a saúde dos galegos e das galegas á estratexia partidista  dun PP “pilotado polo tándem Casado-Ayuso” e considera “un esperpento” a situación xerada pola incapacidade do Goberno do Estado e do Goberno de Madrid para chegar a un acordo no medio dunha pandemia cando está en xogo a vida das persoas.

“É lamentable que se queira converter o problema de Madrid nun problema de todo o Estado e que nese debate Feixóo se apunte a facer partidismo e subíndose a ese barco á deriva que é o PP pilotado polo tándem Casado-Ayuso. A ausencia de protocolos claros crea problemas e causa estupefacción que a Xunta non faga os seus deberes e se poña ao servizo da estratexia partidista do PP”, denunciou Pontón en relación á posición do Executivo galego no último Consello Interterritorial de Saúde.

Nun almorzo informativo en Santiago, Pontón manifestou a súa preocupación pola incapacidade de chegar a un acordo pese a situación tan difícil que vive a capital do Estado, a cuxa cidadanía trasladou toda a súa empatía. “Hai un problema en Madrid sobre o que non se poñen de acordo, non se toman medidas para salvagardar a saúde vendo como a dereita está, por intereses partidistas, xogando coa vida das persoas”, alegou.

A líder nacionalista pediu non repetir os erros da primeira onda, -durante á que Madrid actuou como centrifugadora do virus-, e reclamou que se poña por diante a vida das persoas ante o “disparate” no que o PP está convertendo a xestión da pandemia. “É un retrato dantesco ao que se suma Feixóo”, denunciou.

Por contra, Pontón reclama do presidente da Xunta que faga os deberes que ten pendentes, “porque non planificou a desescalada, non blindou as residencias, non planificou o inicio do curso escolar,  non se dispón de suficientes rastrexadores e non se reforzou o sistema público de saúde. Todo iso é o que tiña que estar facendo Feixóo en lugar de seguidismo da señora Ayuso e do señor Casado que se están convertendo no maior esperpento político dos últimos tempos”.

A líder nacionalista insistiu en que non se pode converter nun problema de todo o Estado “a incapacidade” dos executivos centrais e madrileño para chegar a un acordo. “Non son capaces de enfrontar a situación tan grave que se vive na capital, nin se están tomando as medidas para salvagardar a saúde en primeiro lugar da xente que vive alí pero tamén evitar erros como que se esa comunidade volva ser un foco de contaxio”, alegou.

Ante a incapacidade de ambos gobernos, Pontón pide “sensatez, cordura e diálogo para tomar as medidas necesarias, porque está en xogo a saúde das persoas e esa debe ser a principal preocupación”. Cada administración debe exercer as súas competencias “con responsabilidade” e coa prioridade de salvagardar a saúde, -subliñou-, e para iso as actuacións deben estar guiadas por criterios científicos que marquen as medidas a tomar en cada momento. “Que se baixen das súas atalaias madrileñas, que non fagan da xestión da pandemia unha cuestión partidista”, concluíu

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG