Ana Pontón a Feixóo: “Non se pode presidir Galiza a 600 quilómetros desde un despacho da rúa Génova”

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG apoia a mobilización convocada pola CIG para derrogar a reforma laboral e critica a “timorata” posición do Goberno de Pedro Sánchez que tamén mantén o copagamento de medicamentos

Ana Pontón a Feixóo: “Non se pode presidir Galiza a 600 quilómetros desde un despacho da rúa Génova”

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o presidente da Xunta ten que saír xa “do seu retiro espiritual” e aclararlle aos galegos e as galegas se vai cumprir o seu compromiso de acabar a lexislatura ou vai optar a cubrir a vacante deixada por Mariano á fronte do PP.

“Leva dúas semanas confirmando que non pode cobrar por ser presidente da Xunta e ter a cabeza ocupada nos lios do PP”, declarou Pontón tras ratificar que debe dimitir no mesmo momento en que confirme que se postula como sucesor: “Génova esta a 600 quilómetros de Galiza e non se pode presidir nin dirixir este país desde un despacho na rúa Génova”.

Pero antes de postularse como rexenerador dun partido condenado por corrupción, Pontón insta ao dirixente galego “a que primeiro deixe os deberes na súa casa” pedindo a dimisión do alcalde de Sanxenxo, o popular Telmo Martín como propietario dunha empresa condenada por cobrar diñeiro en negro ás familias compradoras de vivenda protexida no barrio vigués de Navia.

Pontón criticou que as tribulación sucesorias de Feixóo lle impidan abandeirar a defensa dunha axenda galega ante o Goberno central, como propón o BNG, ante un Pedro Sánchez que ben de anunciar que vai manter o copagamento de medicamentos ás persoas pensionistas e que mantén unha posición “timorata” ante a supresión das contrarreformas laborais, que en Galiza deixan un panorama laboral “marcado pola desigualdade, a precariedade e o empobrecemento”.

“É urxente mudar o actual marco con cambios que pasan por derrogar as reformas laborais, garantir pensións dignas, medidas de igualdade efectivas e impulsar un novo modelo produtivo”, salientou Pontón, quen animou a saír a rúa de xeito masivo para secundar as manifestación convocadas pola CIG este martes en todo o país, en defensa dos dereitos da clase traballadora.

Os datos revelan ata que punto esta mobilización é necesaria e oportuna. Desde a chegada de Feixóo á Xunta fai dez anos, a ocupación caeu en 161.200 persoas na franxa de entre 16 e 34 anos de idade, o saldo neto de caída de ocupación é de 120.000 efectivos e o paro medrou en 25.500 persoas pese a emigración masiva en 240.000 persoas, delas 100.000 mozos e mozas nun país cunha situación de alarma en termos de envellecemento da poboación.

Xunto coa xente moza, as mulleres son as que máis pagan o deterioro do mercado laboral, e ademais de ter taxas de paro máis altas, viron como se incrementaba a fenda salarial 1.000 euros ao longo da última década, -catro veces máis que na media do Estado-, deixando a diferencia salarial en 5.400 euros anuais.

1.000 millóns de euros sen executar

E con este mercado de traballo, denunciou Pontón, a Xunta deixou sen executar 1.000 millóns de euros en políticas activas de emprego, “esta é a cifra do desleixo do Goberno de Feixóo, incapaz de executar nin sequera os seus propios orzamentos  nun asunto de tanta transcendencia económica e social”.

“Cambiar a situación debe se unha prioridade dos dous gobernos, do Estado e de Galiza”, e ante a inacción de ambos “cobra máis sentido” a defensa dunha axenda galega de grandes temas que, no caso do mercado de traballo, pasa por un marco de relación laborais galego, un concerto económico que permita xestionar os 3.500 millóns de euros da recadación cos que se queda o Estado e unha reforma que garanta unhas pensións dignas.