Ana Pontón: “Feixóo leva 10 anos facéndolle un escrache a nosa lingua”

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG propón recompoñer os acordos e consenso, derrogar o decreto contra a lingua galega e impulsar o uso do galego no ámbito do ensino

Ana Pontón: “Feixóo leva 10 anos facéndolle un escrache a nosa lingua”

Na súa pregunta ao presidente da Xunta sobre a actual situación do idioma galego, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón acusou a Feixóo de  “facer un escrache” á lingua galega durante todo o seu mandato. “Se aínda somos galegas é por obra e gracia do idioma. Ter lingua propia é unha riqueza”. Pero vostede, dixo  preferiu debilitar o noso idioma. “Chegou á Xunta a cabalo da grande mentira da imposición e leva todo o seu mandato facéndolle un escrache á  nosa lingua”, reiterou.

Para a portavoz nacionalista,  a política lingüística do PP está a provocar graves consecuencias que sitúan o galego como única lingua do Estado que perde falantes, non ten un xornal diario, prohibe ensinar matemáticas e ciencia, reduce a edición de libros e propio goberno recoñece que en educación infantil, “o  galego está excluído en máis do 90% das escolas nas cidades”.

Estes datos, enfatizou Pontón,  “déixano en mal lugar e desmontan a súa estratexia de botarlle a culpa ás familias, cando é vostede, e só vostede, o responsábel de dinamitar os acordos e os consensos e favorecer o monolingüísmo en castelán”.

A súa política,  “non é nin bilingüismo, nin cordial, nin  harmónica”. A nacionalista manifestou que o BNG non está só na denuncia do “escrache ao galego”,  dinllo tamén  desde Queremos galego, os sindicatos do ensino, os movementos de renovación pedagóxica, as  universidades, o Consello da Cultura e a Real Academia Galega.

Pontón botou man dun informe da propia RAG para constatar que  desde o ano  2010 a presenza do galego na escola “retrocedeu até índices do anos 90”, ademais, a institución  tamén denuncia a forte presión dunha crecente parte da cidadanía  para abandonar o galego e adoptar o castelán.

“Están vulnerando o propio Estatuto”, afirmou Pontón, un Estatuto   que prevé avanzar cara á unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán.

O BNG INSTA  A FEIXÓO A RECOMPOÑER O CONSENSO

Tras denunciar a estratexia do goberno contra o idioma galego, a portavoz do BNG instou a Feixóo a  recompoñer o consenso.  A nós válenos o  Plan Xeral de Normalización XNL de 2004. E a vostede? preguntou.

Está disposto a derrogar o decreto contra o galego? Está disposto a recuperar o apoio ao libro galego, a cumprir a Lei do libro e da lectura que aprobamos por unanimidade? Está disposto a que as axudas que reciben os medios para normalizar o galego sirvan para algo? Está disposto a garantir que os nenos e as nenas non perdan o galego na escola?

 

A portavoz do BNG tamén  reprochou a falta dunha programación infantil e xuvenil  na TVG atractiva e actualiza, “ seguen emitindo   debuxos animados do século XX para rapazas e rapaces do XXI”.

 

Nunca pensei que lle diría isto, pero en materia lingüística representa vostede un “retroceso en relación aos gobernos de Fraga”.

 

Sr. Feijóo: “Renegar da nosa lingua é renegar deste país, así que, pídolle que non renegue de Galiza”, concluíu.