Ana Pontón: “Feijóo é inmobilista, insensíbel cos problemas reais da xente e aliñado coa extrema dereita”

A solución non virá “renegando do diálogo” e tila de “desolador” a falta de confianza do presidente da Xunta na capacidade de Galiza para construír un país mellor

A portavoz nacional, Ana Pontón, salienta que o debate sobre o estado da nación mostrou un Feijóo en “estado puro incapaz de sensibilizarse cos graves problemas dos galegos e das galegas, e entregado ao discurso da extrema dereita, repetindo as consignas do Goberno central  incidindo na liña da irresponsabilidade”.

Pontón cualificou o discurso do presidente da Xunta de “decepcionante e previsible, o discurso dun presidente insensible cos problemas da xente deste país, de quen non recoñece o fracaso das súas políticas económicas e sociais e opta por amosar unha realidade virtual”, salientou.

O discurso tamén demostra que Feijóo “padece o síndrome de Monte Pío agudizado, encapsulado nunha súa zona de confort que non é a da maioría dos galegos e das galegas”, alegou, tras lembrar que “a Galiza real que non quere ver o señor Feijóo é a que ten dificultades para chegar a fin de mes, que ten que facer números para pagar os libros de texto, que un inverno máis non vai prender a calefacción, ou esa mocidade que ten que elixir entre precariedade ou emigración”.

Esa é a Galiza á que o BNG “dará voz no Parlamento”, coa intervención da portavoz nacional desta tarde, ante un presidente “que perdeu unha oportunidade de ser útil e de ser unha parte da solución aos retos que enfrontamos”.

Pero a intervención do xefe do Executivo tamén deixa outra lectura para o Bloque: constata que non confía na capacidade de Galiza e do pobo galego para construír un futuro mellor, nun momento político excepcional que dinamitou, de facto, o actual marco institucional. A solución non virá “renegando do diálogo e envolvéndose na bandeira da Constitución”, alega Pontón.

“Estamos nun momento político excepcional nunha crise do réxime do 78 que dinamitou o marco institucional actual e a solución non vai vir a través de discursos incendiarios, nin envolvéndose na bandeira da Constitución, nin renegando do diálogo, da concordia. Hai que apostar por unha solución política a un problema político”, salientou.

Confianza no país

“Retábanos o señor Feijóo a que dixéramos de que lado estábamos, o BNG está do lado da democracia, dos dereitos e das liberdades fundamentais, do dereito de todos os pobos a decidir en liberdade o seu futuro, porque así o recoñece a declaración de dereitos humanos. Non imos estar nunca do lado dos que envían porrazos e  dos que envían a garda civil a mallar nunha poboación que reclama democrática e pacificamente poder decidir o seu futuro en liberdade”, proclamou.

Pontón cualificou de “desolador”  ver ao presidente da Xunta “instalado no inmobilismo nun momento en que vai haber profundos cambios no Estado español, inmobilismo e a súa  incapacidade para defender o interese xeral deste país, inmobilismo cando nos di que Galiza non pode aspirar a nada máis do que ten agora e que os galegos e as galegas temos que conformarnos e resignarnos co que hai”, criticou.

Discurso do Rei, parte do problema

De novo, dixo, “un presidente que en lugar de ter a cabeza en Galiza está pensando en como ser fiel e útil ao señor Rajoy, ao Goberno central e ao PP, o partido máis corrupto da democracia que non está en posición de dar leccións de democracia, nin de dignidade, nin de como defender esta país”.

A preguntas dos medios, Pontón cualificou o discurso do Rei de “desafortunado e impropio que excede as súas funcións dun xefe de Estado que non temos dereito a votar. Non representa a posición do BNG e, nun momento no que era máis necesario que nunca o diálogo, pecha esa porta, ignora a miles de cidadáns que foron agredidos e violentados polas forzas do Estado por defender o seu dereito a votar. Contribúe a ser parte do problema e non da solución”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG