Galegas 2016

Ana Pontón: “Feijóo compite con Ciudadanos ao querer despedirse da Xunta con políticas anti-galego”

Acto lingua na Coruña
Acto lingua na Coruña
  • Comprometeuse a derrogar, a partir do 25-S, o decreto que impide dar materias en galego e defendeu o idioma propio de Galiza como “un elemento de creación de riqueza e postos de traballo”

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, participou nun acto, ante ducias de nenos e nenas coas súas nais e pais nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, para reivindicar “o dereito a vivir en galego”. “É triste que Núñez Feijóo se queira despedir da Presidencia da Xunta de Galiza cun novo paso atrás, no que parece competir con Ciudadanos en ver quen aplica a normativa máis antigalega”, afirmou.

“Queremos que a partir do 25 de setembro abramos un tempo novo para a lingua galega, onde teñamos un Goberno que tenda a man ao desenvolvemento pleno do noso idioma e non peche os ollos ante as discriminacións diarias que se producen en Galiza por utilizala, pois o mellor legado que podemos deixar para o futuro é que as xeracións que veñen detrás nosa coñezan, soñen, falen e amen en galego”, afirmou.

Avogou por garantir o dereito ao ensino en galego e afirmou a intención do BNG de derrogar a normativa antigalega PP, ademais de expresar o compromiso de apoiar o idioma propio de Galiza como sinal de identidade e fonte de riqueza. Reivindicou tamén que a segunda canle televisión pública galega estea dedicada a público infantil e xuvenil con programación en galego e medidas para garantir que “a lingua galega non sexa tratada como lingua estranxeira no seu propio país”, indicou.

“A lingua galega é o que nos une a todos os galegos e galegas, mais durante os últimos sete anos tivemos atrancos no desenvolvemento do noso idioma e dende o BNG o que defendemos é que a partir do 25 de setembro fagamos posíbel medrar en galego, vivir en galego e acabar con estas políticas que converteron a lingua galega en estranxeira na súa propia terra”, sinalou. Para iso é necesario que revertamos os pasos atrás que durante sete anos deu o presidente Núñez Feijóo e “hai que lembrar que foi quen en 30 anos prohibiu que determinadas materias se puidesen dar en galego na Galiza”. “É un paso atrás que é un síntoma de que o Goberno do PP situou nos seus ataques un dos tesouros máis importantes que temos neste país que é o noso idioma, un patrimonio común de todos e todas”, engadiu.

O BNG asume o compromiso de que os nenos e nenas poidan “vivir e medrar en galego”, que haxa garantías de que no ensino educativo se apoie a transmisión xeracional do noso idioma e que o galego poida ser a lingua vehicular normal na que poidamos aprender.

Así, afirmou que o BNG aposta por aplicar o Plan de Normalización Lingüística e por dar pasos cara adiante na defensa e na promoción do noso idioma, “tanto no que se refire á proxección internacional da nosa cultura como ás posibilidades de poder dirixirnos con normalidade a calquera administración ou empresa que actúe no noso país na lingua galega”. “Nós imos derrogar a partir do 25-S ese decreto que elimina unha acción positiva a favor do idioma, como o feito de que fora a lingua normal cos administrados e tamén imos garantir que haxa pasos efectivos para a utilización do galego na Xustiza e en todos os ámbitos sociais, para crear un marco favorábel ao desenvolvemento do noso idioma”.

A lingua é un elemento de riqueza e postos de traballo, afirmou, e apostamos polo talento e a creatividade, pois un dos nosos obxectivos será impulsar e consolidar unha industria da lingua propia que permita a rápida incorporación do galego ao mundo do audiovisual e da tecnoloxía.

Os medios de comunicación teñen unha débeda cos nenos e nenas de Galiza, sinalou. “Eu fun unha das adolescentes da Xeración Xabarín”, dixo, “e agora temos uns medios públicos públicos que case non ofertan programación infantil e xuvenil en galego, por iso reivindicamos que a segunda canle da televisión pública se destine a reforzar o noso idioma”.

Apostou tamén pola proxección internacional da lingua galega co cultivo das relacións internacionais coa cultura portuguesa; así como por políticas que promovan a formación artística para garantir a produción cultural dende nós mesmos.

No acto interviñeron tamén a candidata María Xosé Bravo e a profesora de Música Pilar Salgueiro, quen afirmou que “moitas nais pensan que os seus fillos e fillas van ser o último mohicano por seren galegofalantes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG