Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón fai un chamamento á maioría social farta da discriminación con Galiza para termos voz propia en Madrid

Acto Lalín
Acto Lalín

Carme da Silva avanza que pedirá a transferencia da AP-53 o primeiro día que entre no Congreso, "o Deza tense que facer oír no Congreso"

A líder nacionalista reitera o compromiso do Bloque para conseguir unha ambulancia medicalizada e recrimina as falsas explicacións de Feixóo

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Lalín para instar a esa maioría social farta da discriminación con Galiza a aproveitar o 10N para darlle voz propia en Galiza en Madrid da man da única forza que non ten que pedir permiso para “facer valer” os intereses dos e das galegas ante o Goberno do Estado.

Nun escenario sen maiorías absolutas, indicou, os deputados e deputadas do Bloque van ser “decisivos”, indicou, comprometéndose a usar a forza desa representación para que Galiza recupere pese político e os grandes temas deste país pasen a formar parte da axenda estatal. “Galiza tense que facer oír e o Deza tense que facer oír en Madrid”, proclamou.

A líder nacionalista instou a canalizar “o cabreo” pola repetición electoral nunha votación masiva nas urnas, “porque non é o momento da abstención senón da participación, o momento de facer algo diferente apostando polo Bloque porque non imos fallar. Unamos no BNG todo o voto en clave galega, en clave de progreso, porque nos estamos xogando o futuro”, apelou.

Un futuro “que nos están quitando desde Madrid” e iso ten responsables políticos, o bipartidismo PP-PSOE e as súas sucursais galegas: “os que din defender Galiza, os que din que nos traen cousas, pero en realidade levan a nosa riqueza”. Por iso, para un país con futuro “necesitamos organizacións políticas libres e a única forza libre que pode cambiar as cousas é o BNG”.

Acto LalínHai que saír da irrelevancia política a que condenan Galiza as forzas estatais,  -recalcou- “e pelexar polo noso” como fan vascos, cataláns, canarias, valencianas, até os cántabros. “Nin PP, nin PSOE nin Podemos, -como comprobamos cando pactaron con Sánchez os peores orzamentos do Estado para este país en vinte anos-, defenden este país. O problema non é  só que decidan por nós, e que deciden contra nós”.

A líder nacionalista aproveitou o mitin de Lalín para ratificar o compromiso do Bloque para conseguir unha ambulancia medicalizada para a comarca do Deza,  e atender así unha vella demanda da veciñanza e d@s  profesionais da sanidade, máxime despois do tráxico incidente do falecemento dunha persoa tras esperar 45 minutos pola chegada dunha ambulancia en Dozón.

Pontón foi moi crítica coa resposta do presidente da Xunta en relación a este feito. “É intolerable que Feixóo fixera unhas declaracións totalmente enganosas en sede parlamentaria para saír ao paso dun feito tan grave, e retrata a quen o fai ”, denunciou, en relación ao feito de que o xefe do Executivo pretendese facer pasar por unha nova ambulancia para Lalín o que non é máis que un vehículo de apoio cun 70% de dispoñibilidade. “Nada que ver co que equipamento que pide a veciñanza, que a Xunta non incluíu no contrato de licitación”, concluíu.

O Bloque xa ten rexistrado unha proposición non de lei para reclamar unha ambulancia medicalizada para o Deza.

Peloteo das forzas estatais

Pola súa parte, a cabeza de lista do BNG para o Congreso pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva destacou a tomadura de pelo que para as veciñas e veciños de Lalín e en xeral de toda a zona do Deza significa a peaxe da AP-53 para conectar con Compostela.

A nacionalista explicou que a AP-53 é parte da autoestrada central galega entre Ourense e Santiago de Compostela e subliñou a incongruencia de que teña un treito de titularidade galega e gratuíta (a AG-53 Dozón-Ourense) e outro treito estatal e de pago, polo que reivindicou a transferencia a Galiza e a necesidade de gratuidade da parte estatal.  “Esta vía incomunica á veciñanza da zona do Deza con Compostela cando a súa función principal é comunicar. É realmente un bloqueo pola súa peaxe imposible”, argumentou.

Da Silva indicou que o BNG pedirá a transferencia en Madrid tan pronto como abra a ventá do rexistro no Congreso dos Deputados unha vez saia elixida deputada. Lembrou, ademais, o ‘peloteo’ que as forzas políticas estatais, PSOE e PP, fan con este tema, xa que só reivindican a gratuidade cando non gobernan en Madrid.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG