Galegas 2020

Ana Pontón chama a facer historia cunha muller presidenta liderando un goberno do BNG capaz de abrir un tempo novo en Ourense

Acto Ourense
Acto Ourense

“Galiza non se merece un candidato do PP irresponsable que antepón o calculo electoral á saúde das persoas como está demostrando co rebrote da pandemia”

Presas fixo un chamamento á mobilización masiva e a concentrar no BNG o voto do cambio galego: “somos a candidatura da rebeldía e será aquí onde derrotemos ao PP”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, proclamou desde Ourense que o 12 de xullo só hai dúas alternativas: ou o inmobilismo decadente que representa o candidato do PP, ou o cambio galego que representa o BNG da man dun proxecto de país, autocentrado, con ideas e propostas para construír unha nova Galiza na que Ourense teña futuro.

“Hai ansias de cambio real e cada día que pasa son máis os galegos e as galegas que se suman ao cambo galego que representamos”, salientou Pontón, quen fixo un chamamento a “facer historia para que, por primeira vez, Galiza teña unha presidenta liderando un goberno coas mans libres capaz de abrir un tempo novo en Ourense”.

“Non permitamos que nos sigan roubando o futuro, porque está provincia non ten que resignarse á emigración ou á precariedade, non ten porque resignarse a ver o seu rural abandonado, a poboación envellecida mentres a xente moza marcha, non ten que resignarse ao deterioro dos servizos públicos. Podemos reescribir este guión co BNG e prender o motor de Ourense, prender o motor do país”, proclamou.

En pleno corazón da cidade das Burgas, Pontón apelou a votar desde “a ilusión e a esperanza”, pediu “romper coa rutina” e ignorar aos que pregoan que todo está escrito. “Levan demasiado tempo dicíndonos que non se pode, pero este 12X imos demostrar que co BNG é posible poñer en marcha un cambio galego e erguer Galiza, imos facer historia cun goberno que se faga valer cunha muller presidenta, imos facer historia para que a xente nova non teña que emigrar, para que deixen de espoliar os nosos recursos, para ter un pais de mulleres libres e iguais, imos facer historia para poder vivir e traballar nesta terra”, apelou.

Para conseguilo, apelou a mobilizarse e a sumar no BNG o voto desa maioría que quere abrir as xanelas e deixar entrar aire fresco. “Que ningún voto do cambio galego quede na casa, ten que expresarse nas urnas”, insistiu facendo unha apelación directa ás persoas indecisas e ás que noutras ocasións votaron diferente pero hoxe miran “con ilusión” a candidatura que encabeza Pontón.

Acto Ourense“Quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía ao BNG, aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidenta nun goberno que mire polo noso, e quero pedirvos que non votedes outras alternativas sen convicción porque é o momento de votar co corazón, con orgullo, con esperanza e con ilusión para a partir do 12X empezar a poñer Galiza en marcha!”

Derrotar a improvisación e cálculo electoral

Como fai en cada mitin sen excepción, Pontón tivo palabras de lembranza para as vítimas da pandemia, cunha mención especial ao drama vivido nas residencias de maiores con situacións durisimas en algúns centros da provincia. Tamén fixo un recoñecemento a todas as persoas que loitaron na primeira liña contra a COVID19, e manifestou o seu orgullo de pertencer a un pobo que mostrou un comportamento exemplar e solidario ante a adversidade, ao tempo que trasladou o seu afecto a toda a veciñanza da Mariña, en particular as 144 persoas contaxiadas polo rebrote do virus.

Un rebrote ante o que o candidato do PP respondeu con “irresponsabilidade” intentando minimizar o problema que ten confinadas a 70.000 persoas, actuando con “improvisación, cálculo electoralista e con total falta de transparencia”, pese a estar ante unha cuestión de saúde pública.

“Feixóo segue instalado na irresponsabilidade tentando reducir a importancia dun rebrote que acaba de recoller 23 novos casos de contaxio nun só día, e pon os pelos de punta ver como se lava as mans e como non ten reparo en poñer a miles de galeg@s ante o dilema de ter que elixir entre preservar a saúde ou exercer o dereito ao voto. Galiza non se merece un irresponsable que pon os seus intereses por riba da saúde das persoas”, salientou. Por contra, precisa unha presidenta “que dea a cara e que diga a verdade e ese é o meu compromiso”.

“Este é o momento de votar diferente, de facer historia, de abrir de un tempo novo, de que gañemos o futuro, de encher as urnas de cambio galego, é o momento de votar BNG!”, instou a candidata á Presidencia, “non vós vou fallar, un goberno do BNG non lle vai fallar a este país porque temos un proxecto sólido, solvente, con principios e estratexia para a reconstrución do país”.

Acto OurenseCoas mans libres para erguer Ourense

Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, chamou á mobilización o vindeiro 12X e a confiar nunha forza que ten proxecto de país, experiencia “e á mellor capitá”. “Somos a única forza que se presenta sen ataduras”, proclamou, poñendo como exemplo o traballo no Congreso de Néstor Rego, - “para que se cumprira a lei de dependencia, o trato aos emigrantes retornados, a modernización do tren”-, e o traballo no Europarlamento da portavoz en Bruxelas Ana Miranda, “para que se investigue a precariedade das enfermeiras en loita”, valorou.

“En Ourense xógase a maioría absoluta do PP e o BNG somos a candidatura da rebeldía, a candidatura das persoas que non temos medo, por iso, pido encher as urnas coas papeletas desta candidatura para facer caer esa maioría absolutista que nos rouba o aire, que impide que Ourense floreza. Imos levar o espírito de Verín non se pecha ás urnas e construír unha nova Galiza o 12X”, concluíu Presas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG