XERAIS 2019

Ana Pontón: “Exhumaremos o posfranquismo que persegue demócratas como Néstor Rego por reclamar o patrimonio roubado ao pobo galego”

Casa de Cornide
Casa de Cornide

Denuncia que a Casa Real presionou ao Goberno de Sánchez para que non presentase a demanda civil para recuperar o Pazo de Meirás 

Reclamar todos os bens espoliados pola ditadura “por dignidade”, compromiso do candidato Néstor Rego

A líder nacionalista proclama que o BNG vai “rebentar as enquisas” o 28A dando voz a Galiza e quitándolle escanos a dereita carca e antigalega

Ana Pontón: “Exhumaremos o posfranquismo que persegue demócratas como Néstor Rego por reclamar o patrimonio roubado ao pobo galego”

O BNG elixiu a Casa Cornide, exemplo do espolio franquista, para un acto simbólico de dobre intención: Reclamar o patrimonio roubado ao pobo galego que, 40 anos despois segue en mans dos herdeiros do ditador, e denunciar a existencia dun posfranquismo que impregna á Casa Real, á xustiza e á política da man de partidos que traen involución democrática.

Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, declarou que non chega con exhumar os restos do Val dos Caídos, senón que é preciso ventilar este franquismo sen Franco.

“O BNG ten unha axenda clara da defensa da recuperación da memoria histórica en Galiza que non pode empezar e acabar na exhumación dos restos do Val dos Caídos, porque aquí temos un franquismo sen Franco que queremos exhumar e para iso necesitamos que nos devolvan a Casa Cornide, o Pazo de Meirás ou as estatuas de Isaac e Abraham”, salientou Pontón.

Como evidencia dese posfranquismo o feito insólito de que a Xustiza actúe contra  quen defende a devolución do patrimonio espoliado, como o candidato pola Coruña, Nestor Rego, un dos 19 de Meirás.

“O noso compañeiro está pendente dun xuízo no que se xoga anos de cadea por defender a algo de elemental sentido democrático que é a devolución do Pazo de Meirás, e a Xustiza en lugar de sentar no banco dos acusados a quen nos roubou persegue ás demócratas que reclamamos xustiza, reparación e verdade”, salientou.

E máis, a líder do Bloque denunciou que a Casa Real preseouno ao Executivo de Sánchez para que non presentara unha demanda civil de recuperación do Pazo: “Hoxe temos datos que nos permiten denunciar con toda certeza que se o Goberno de Sánchez non puxo esa reclamación é porque hai presións directas da Casa Real  para que non se leve a cabo a devolución do Pazo de Meirás”, indicou.

“Non nos sorprende ás conexións entre  Monarquía e Franquismo pois todo empezou co ditador nomeando como sucesor ao actual rei emérito”, alegou, como o BNG se encargou de destacar despregando unha pancarta no balcón da Casa Cornide cunha imaxe de Franco e Juan Carlos I.

E no ámbito político o posfranquismo está na involución que trae a dereita de Colón, que o Bloque está en condicións de frear en Galiza quitándolle escanos en Coruña e Pontevedra.

Sumar votos

“Facemos un chamamento a sumar no BNG o voto de todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón porque é a mellor maneira de frear a esa dereita carca, machista e antigalega á que lle estamos disputando escanos e somos a garantía de que non van pasar”, recalcou unha Ana Pontón. “Imos rebentar as enquisas”, proclamou.

Pola súa parte, Nestor Rego, comprometeuse no Congreso a reclamar os bens roubados porque, máis aló do gran valor patrimonial, “estamos ante unha cuestión de dignidade e de resarcir unha débeda con todas as vítimas do Franquismo”. Rego criticou “a covardía política” de Pedro Sánchez “diante das presións dos poderes facticos e moi directamente de Felipe de Borbón que fixo que no iniciase ese expediente de reclamación de devolución”.

A axenda en defensa da memoria histórica de Galiza tamén inclúe a ilegalización da Fundación Franco, -unha anomalía democrática-, e cumprimento da Lei de Memoria Histórica para a que reclama mais dotación económica. E compromiso ineludible tamén de combater a involución con propostas como a derrogación da Lei mordaza e a defensa dos dereitos e liberdades, “fronte as forzas ultra reaccionarias”, concluíu Rego.

 

Ana Pontón: “Exhumaremos o posfranquismo que persegue demócratas como Néstor Rego por reclamar o patrimonio roubado ao pobo galego”