Parlamento Galego

Ana Pontón: “Esiximos axudas para as persoas afectadas polo temporal e sancións para as eléctricas”

  • A portavoz do BNG reiterou que Galiza precisa dunha tarifa eléctrica propia que beneficie ás familias e empresas e semellante a que hai en Euskadi cun 30% de aforro

Na pregunta formulada ao presidente Núñez Feijóo sobre as medidas que iniciará o goberno galego ante as consecuencias dos cortes de luz e o retraso do AVE, a portavoz do BNG, Ana Pontón reiterou que é necesario crear en Galiza unha “tarifa eléctrica propia” que beneficie ás familias e empresas como a xa existe en Euskadi e cominou ao titular do Executivo a “exercer de Presidente e traer ao Parlamento unha proposta de sancións ás eléctricas e axudas ás persoas afectadas polos cortes de luz”.

Pontón lembrou que, trala catástrofe do Prestige, mentres Álvarez Cascos recibía a medalla de Galiza, o PP xa prometía a chegada do AVE no 2009 e mesmo hai un titular seu no que afirmaba,  “El aval de Aznar garantiza el AVE”. Cando chega Zapatero a Moncloa, engadiu, dáse de bruces coas mentiras do goberno Aznar e retrasa a chegada do Ave ao 2012, “tampouco cumpriu a súa palabra”.

No 2009 vostede chega á presidencia da Xunta e asinou con toda pomposidade o Pacto do Obradoiro retrasaba o AVE en 2015. Era un pacto histórico que resultou ser unha mentira tan grande como a catedral que lles serviu de telón de fondo para a sinatura.

Pero non queda aquí o conto, “o dúo Feijóo- Rajoy pactan retrasar o Ave para 2016, 2018, e agora para 2019”. Iso si, regalárannos un novo eufemismo para o dicionario de agravios: “Deslizamento de datas”.

A tarifa eléctrica galega é outro exemplo do caro que nos resulta aos galegos e galegas que vostede teña contento a Rajoy. En pleno tarifazo e nun país que “produce enerxía a esgalla”, vemos como medio millón de galegos e galegas, están sen luz, nalgúns casos durante máis cinco días. “Un apagón que causou graves perdas económicas, que supón un desprezo para as persoas que viven no rural e puxo en risco a vida de persoas enfermas”.

A parlamentaria afirmou que isto non é culpa do temporal, “é culpa dunhas eléctricas que se forran cos nosos recursos e incumpren as leis ofrecéndonos un servizo de terceira” e mentres tanto, o PP de aquí e de Madrid mira para outro lado,” será un efecto secundario das portas xiratorias”, manifestou.

A portavoz do BNG reclamou“sancións ás eléctricas, axudas as persoas afectadas polos cortes de luz, facer que as compañías eléctricas cumpran a lei e que podamos ter un servizo digno”.

PREZO DA ENERXÍA

O ministro en pleno tarifazo di que temos que acostumarnos a pagar máis cara a luz,Rajoy preséntanos como única medida en tema eléctrico, enchufar a Fernandez de Mesa en Red Eléctrica e vostede, veta a tarifa eléctrica galega, que suporía un extraordinario aforro para empresas e familias. Euskadi xa a ten, porque vostede quere menos para Galiza?, preguntou a portavoz nacionalista

E por iso pregúntolle, vai vostede exercer como Presidente de Galiza e defender os nosos intereses ou vai seguir instalado na submisión a Rajoy?. Non se dá conta que a súa submisión sáenos moi cara?

Unha tarifa galega, recalcou que evite que paguemos por exportar a luz, que nos compense o espolio da enerxía galega, polos custes ambientais e sociais de producir e que poña freo aos abusos das eléctricas. Vostede imaxina que en Arabia Saudí pagaran o petróleo igual que aquí?

NÚÑEZ FEIJÓO PRESUME DUN CANON QUE PREXUDICA AOS USUARIOS

Sorprendentemente, na réplica Núñez Feijóo presumiu de cobrarlle ás empresas do sector o denominado “canón eólico”, anulado recentemente polos tribunais, e cuxo importe será repercutido no recibo dos usuarios co conseguinte incremento no prezo da luz. Neste caso, estamos falando de 23 millóns de euros.

RETRASOS AVE

Sobre o novo anuncio do retraso do AVE, a parlamentaria díxolle a Feijóo que o mínimo sería, “pedir perdón a todos os galegos e galegas por enganalos e non defender os intereses de Galiza”. Vostede presentouse ás eleccións cun programa electoral no que dicía que a data do 2018 era irrenunciábel e agora escudase na gran mentira de que a culpa foi dun goberno en funcións, o mesmo goberno “en funcións” que concedeu a prórroga a ENCE.

Vostede levaba 8 anos tomándolle o pelo ás galegas e galegos coa chegada do AVE, é sempre atopa un chibo expiatorio para xustificar os retrasos e a súa falta de compromiso.Exerza de presidente e non sexa cómplice de que non exista un servizo de cercanías interior. E non se esqueza que os compromisos co ferrocarril galego van más alá: “Modernizar a vía Coruña-Ferrol, Saída sur de Vigo cara Portugal, e lembre que  a vía  Coruña-Lugo-Ourense segue sendo a mesma que cando se inaugurou.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG