Ana Pontón esixe a PP e PSOE que deixen de xogar ao pim-pam-pum electoral con ALCOA e propón unidade de acción para salvar a factoría

Alcoa
Alcoa

A solución pasa por un prezo enerxético competitivo é estable para as electrointensivas, demanda o candidato ao Congreso, Nestor Rego

“Hai que volver poñer en marcha os fornos e deixar de xogar co pan dos e das traballadores”, salientou a líder do BNG no encontro co comité

O futuro da factoría coruñesa de ALCOA está nun momento crítico que require “altura de miras”, xusto o contrario do papelón que están interpretando PP e PSOE nunha carreira de “intoxicación mediática” coa que só buscan ganar tempo en campaña electoral.

Así o denunciaba a portavoz nacional, Ana Pontón, que hoxe mantivo un encontro co comité de empresa, xunto co candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, e o candidato á Alcaldía da cidade, Francisco Joquera.

Pontón demandou de Sánchez e Feixóo “unidade de acción” nun tema “de país”: “A solución non vai vir usando aos traballadores e as traballadoras de ALCOA como pim-pam-pum electoral coa única intención de ganar tempo pero sen poñer solucións enriba da mesa que garantan a continuidade e o emprego na factoría”, recriminou.

“Basta de intoxicacións mediáticas, basta de frivolidades, de estratexia electoral curtopracista  por parte de PP e do PSOE, hai que arrima o ombro, hai que ter altura de miras e unidade de acción fronte a unha cuestión clave para este país que vai camiño de converterse nun deserto industrial”, reclamou Pontón.

O BNG considera que a solución é a mesma que fai un mes ou fai un ano: Aprobación inmediata dunha tarifa eléctrica “estable e competitiva” para as industrias electrointensivas que poña fina “á ruleta rusa” das poxas semestrais e acabe “co esperpento que supón ter en risco centos de empregos só na comarca da Coruña polos custes enerxéticos, nun país que é produtor neto de enerxía”.

Pontón cualificou de “decepcionante” a proposta de estatuto para o consumidor electrointensivo presentado polo Goberno de Sánchez “que non da solución en absoluto ao modelo enerxético fracasado do PP que nos trouxo até esta situación co prezo da electricidade máis caro da UE con excepción da insular Chipre, o que fai imposible competir en igualdade de condicións a un sector estratéxico en Galiza como é o da produción de aluminio”.

“Se houbo solución viables para Alemaña ou Francia porqué non para o Estado español e para darlle futuro ás empresas electrointensivas deste país”, interpelaba a dirixente nacionalista.

Tarifa como Euskadi

“Solución definitiva e estable lonxe de parches que nada aportan máis aló de distraer a atención pública en período electoral, e esa solución pasa por unha tarifa específica e estable para as empresas de consumo electrointensivo, como xa ten o País Vasco”, recalcou o candidato ao Congreso, Nestor Rego.

O BNG fará deste asunto unha prioridade de traballo desde a Cámara baixa a partir do 28A partindo do feito de que, como reclamaba Ana Pontón, “baixo calquera circunstancia o Estado ten que garantir que os fornos de ALCOA se van volver poñer en marcha e se deixa de xogar co pan dos e das traballadoras afectadas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG