Ana Pontón esixe a Feixóo investigar no Parlamento o sucedido no PAC da Estrada

Propón un plan de mellora da atención primaria que garanta dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería en todos os centros de urxencia do país e pide o cese do conselleiro de Sanidade

“Ten a sindicatos, colexios médicos e traballadores e traballadoras da sanidade pública en pé de guerra polos recortes”, salientou

O BNG volveu levar ao Parlamento o deterioro da sanidade pública pola “cruel política” de recortes e privatizacións do PP que pon en risco a saúde das persoas, como demostrou o tráxico incidente do PAC da Estrada do 4 de agosto onde faleceu unha persoa sen recibir atención sanitaria porque non había ningún médico no centro de urxencias.

Uns feitos que a portavoz nacional, Ana Pontón, considera de extrema gravidade e polos que propuxo ao presidente da Xunta abrir unha investigación no Parlamento para esclarecer o sucedido nese caso e, ademais, analizar as consecuencias dos recortes na sanidade pública.

A dirixente do Bloque tamén fixo ao xefe do Executivo unha dobre proposta de aplicación inmediata. Por un lado a posta en marcha dun plan de mellora da atención primaria co obxectivo de garantir que todos os PACs do país, cando menos, dispoñan de dúas equipas completas con persoal médico e de enfermería e, en segundo lugar, o cese do conselleiro de Sanidade “como primeiro paso dun cambio de rumbo na política sanitaria no que a saúde das persoas sexa o primeiro”.

Feixóo eludiu pronunciarse sobre ningunha destas propostas limitándose a defender a xestión sanitaria do seu Goberno, criticada con contundencia pola líder do BNG.

“Que tipo de política sanitaria está facendo cando na Galiza de 2018 morre unha persoa nun servizo de urxencias porque non hai ningún médico para atendela? Que tipo de política sanitaria fai cando a xerente desta área, a súa curmá Isolina Núñez,  considera que pode seguir de vacacións como se isto fóra normal? Onde teñen o listón para que, ante unha situación tan grave, o seu conselleiro de sanidade considere que nin ten que comparecer ante este Parlamento?”, interpelou Pontón.

Tras trasladar o afecto e a solidariedade do BNG á familia do falecido e ao seu representante que escoitaba o debate desde a tribuna de convidados, a portavoz nacionalista criticou que o presidente da Xunta tente agochar “con propaganda e autobombo” a situación de deterioro da sanidade pública, como denuncian os propios profesionais.

Consecuencias dos recortes

“Ten aos sindicatos, aos catro colexios profesionais médicos de Galiza e aos traballadores e traballadoras da sanidade en pé de guerra polos recortes”, salientou, “mentres que os e as galegas consideran que teñen a terceira peor sanidade de todo o Estado”. Pontón recriminoulle a Feixóo que a falta de persoal médico no PAC da Estrada non é un caso illado, “senón unha situación común a moitos servizos de urxencia consecuencia desa política que racanea no importante e ten consecuencias”.

Cun recorte acumulado de 2.000 millóns de euros só na atención primaria desde 2009, a dirixente nacionalista acusou ao presidente da Xunta de mentir “cando se vangloria de facer máis con menos”. Por contra, denuncia que os recortes e as privatizacións do PP teñen gravísimas consecuencias.

Masificación de consultas, redución de profesionais sanitarios, precariedade laboral, aumento das listas de espera mesmo para ir ao médic@ de cabeceira, -“por máis que se empeñe en torturar as estatísticas”-, ou os 100.000 galegos e galegas que deixan de tomar tratamentos porque non poden pagalos. “Precisamos menos propaganda e manipulación e máis defensa da sanidade pública”, concluíu.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG