Ana Pontón esixe ao Goberno central os 186 millóns de euros da dependencia que non abonou o goberno de Raxoi

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG considera unha cuestión clave na axenda galega 2020 para defender ante o goberno do Estado

Ana Pontón pide ao estado que “pague  186 millóns de euros en materia de dependencia que o goberno de Raxoi non abonou”. A nacionalista afirmou que é unha  “cuestión clave na axenda 2020 para defender ante o goberno de Pedro Sánchez”.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, a portavoz nacionalista fixo balance da aplicación da lei da dependencia que cualificou de “insuficiente” ademais de crear discriminación porque aposta  por un sistema “low cost” que obriga maioritariamente ás familias, “e sobre todo as mulleres” a cubrir a atención á dependencia.

Dende o BNG, dixo, consideramos “insuficiente, desigual e un sistema de baixo custe” aplicado polo PP dende a Xunta de Galiza na lei de dependencia. En Galiza, “unha de cada catro persoas teñen máis de 65 anos” e poderíamos concluír que moitos deles solicitan  a dependencia, sen embargo, a  realidade é que somos un dos territorios do Estado onde se rexistra “un menor número de solicitudes”. Para Pontón isto obedece aos “incumprimentos” polos que as persoas afectadas non queren dar o paso a solicitar a prestación.

EN GALIZA  22 MIL PERSOAS CON DEPENDENCIA RECOÑECIDA NON RECIBEN PRESTACIÓN

O número de persoas beneficiarias con dependencia recoñecida en Galiza é máis baixo que no resto do Estado, 2,07%  fronte ao  2,61 e no noso país, recalcou   “ hai máis de 22 mil persoas que teñen recoñecida a dependencia pero non reciben ningunha prestación”. Tres de cada dez persoas con este dereito non reciben “ningunha presentación, nin da Xunta nin do estado”. Neste sentido, lembrou que o número de persoas desatendidas aumentou a pesar de ter recoñecido o dereito á dependencia  en  case 10 mil persoas e un incremento de nove puntos porcentuais nos últimos tempos.

PROPOSTAS DO BNG

Ante o “cutre despregue” da lei de dependencia en Galiza, consecuencia dos  recortes do goberno do estado e a Xunta seguimos cun  “un despregue de segunda” porque o financiamento é menor que no resto do Estado por unha  decisión do goberno de Raxoi que ademais contou coa “complicidade” de Feixóo. Vemos como o investimento público por dependente  situase no Estado en 6.664 euros mentres que en Galiza é inferior aos 5.800 euros.

Pontón  destacou que detrás dos números da dependencia e das presentacións agochase exclusivamente  servizos a domicilio ou  teleasistencia. No último ano é evidente o recorte de prazas nas  residencias, un indicativo de como as familias e mulleres deben facerse cargo da atención das persoas dependentes, reiterou.

“É necesario que dende Galiza poñamos medidas que  revertan esta situación e por iso ante o cambio de goberno lanzamos unha axenda galega na que un dos puntos fulcrais sexa  un financiamento xusto en materia de dependencia. Esta cuestión  debe converterse nun asunto prioritario e Galiza debe recibir os 186 millóns de euros que o estado lle debe”, reiterou.

O financiamento xusto para Galiza pasa por reclamar, en  primeiro lugar, os 186 M€ polos recortes dos últimos anos, investimento para residencias e centros de día e que o Estado asuma “o 50% do custe de atención á dependencia” como foi establecido por lei.

Pontón  demandou deixar sen efecto todo os recortes que Raxoi puxo en marcha no ano 2012 como os copagos e retomar todos os dereitos que foron minguados nese decreto. Ademais, a portavoz do BNG asegura que debe ser abordada “a perspectiva de xénero” non coidados de persoas dependentes porque unha “gran parte recae nas mulleres”. Este aspecto debe “formar parte da axenda galega”, reivindicou.     

Finalmente aludiu ao informe da asociación de directoras e xerentes de servizos sociais sobre a aportación de Galiza  arcas arcas do  estado  “135 millóns de euros  por cotizacións, IRPF e IVE”. Dese montante serán  investidos no territorio galego  84 M€, o  estado, polo tanto,  “recada máis do que despois inviste en persoas dependentes”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG