Ana Pontón: “Os escanos do BNG garantirán o emprego en ALCOA; ninguén máis pode facelo”

Acto Burela
Acto Burela

Fronte a discriminación das forzas estatais “hai que exercer como galegos e galegas este 10N”, proclama no mitin na Mariña

Rodil pide o apoio á candidatura do Bloque “para poñer Lugo no mapa político do Estado”

En Burela, como poucas horas antes en Lugo, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin para facer un chamamento a todos os galegos e galegas desencantadas e cabreadas cunhas forzas estatais que “xogaron co seu voto” e, ademais, “persistiron na discriminación con Galiza”.

Unha discriminación e ninguneo que teñen un “exemplo de libro” na situación que vive ALCOA por un marco enerxético aprobado polo PP e mantido polo PSOE, que ten en vilo a toda a comarca da Mariña e ao conxunto do provincia de Lugo polo risco que implica para os 2.000 empregos que xera a planta de Cervo.

“Non é de recibo que sendo Galiza produtora excedentaria de electricidade haxa nesta provincia 2.000 postos de traballo en xogo en ALCOA polos custes enerxéticos. Iso é responsabilidade do PP e do POSE, os primeiros porque foron os autores dunha lexislación que nos levou a esta situación, e os segundos porque a mantiveron. Non é de estrañar se temos en conta quen se senta nos consellos de administración das eléctricas, - Aznar e González-, facéndose ricos mentre en Galiza hai miles de empregos en risco”, denunciou.

Pontón foi moi crítica co ninguneo antes do PP e agora do PSOE, que xa prometera antes do 28A un estatuto para as industrias electrointensivas que nunca chegou. A ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, “tivo tempo de darse un paseo pola muralla de Lugo nestas visitas de campaña que traen a paracaidistas de Madrid, pero non dixo unha palabra dun estatuto imprescindible para salvar miles de empregos no sector industrial galego, e para o fututo da Mariña”.

“Un auténtico espolio do que tamén é culpable o señorito dos peares, -ironizo-, polo seu veto constante a tarifa eléctrica galega”. Por iso, declarou, “hoxe queremos deixar aquí un compromiso moi claro: que imos usar os escanos, a representación do BNG no Congreso para defender os 2.000 empregos de ALCOA, para defender unha tarifa electrointensiva e unha tarifa eléctrica propia. Ninguén máis nestas eleccións pode comprometerse a iso. Polo tanto, exerzamos como galegos e como galegas collendo a papeleta do Bloque Nacionalista Galego o 10N”, demandou.

Acto BurelaA situación de ALCOA non é a única discriminación coa provincia, nin coa Mariaña. Pontón fixo referencia ao déficit das infraestruturas, en particular ferroviarias, “todo mundo sabe a dificultade de desprazarse por tren oa longo da cornisa de Lugo cun traxeco Ribadeo-Ferrol que agoniza baixo o abandono dun Goberno central que non aposta pola modernización das vías e dos trens, que non aposta por dar un servizo de calidade, competitivo en horarios e tarifas”.

Sumou tamén outros vellos agravios con Lugo, como os 30 anos de retraso na contrución da autovía Lugo-Santiago ou a demanda sen atender do xulgado específico de violencia machista. “A Mariña e toda a provincia de Lugo teñen que facerse ouvir no Estado, da man da única deputada sen atadaduras a Madrid: Olalla Rodil”, concluíu.

Rodil convida a tomar as rendas

A cabeza de lista da candidatura do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, expuxo que “a decisión máis importante que temos que tomar este 10N é se queremos seguir mirando o que outros deciden por nós ou tomar as rendas da nosa propia vida. Converter Galiza nun actor da política do Estado. Como país, con voz e voto, con capacidade para intervir e condicionar os debates para situar na axenda política os nosos dereitos e intereses, os problemas que levan décadas lastrando o noso desenvolvemento. E iso só pode facelo o Bloque Nacionalista Galego porque non nos debemos a ninguén máis que a este país”.

Pola súa parte, a candidata nacionalista evidenciou os incumprimentos das forzas de obediencia estatal en materia de infraestruturas e puxo como exemplo a liña Lugo-Monforte. “Acaso algunha das forzas estatais esixiu que calquera acordo político tiña que pasar inescusablemente porque Lugo deixe de ter un tren do século XIX? Que AVE nos veñen vender se aínda temos a vía sen electrificar”, preguntouse Olalla Rodil.

Xulgado de violencia machista

“Acaso algunha das forzas estatais reclamou para esta cidade un xulgado exclusivo de violencia machista? Como levamos anos reclamando”, continuou Rodil, que lembrou así outra das demandas do BNG para a cidade, un xuglado específico con persoal especializado e formado e espazo propios para atender ás vítimas”

“Veñen a este país coma quen vai pescar votos. Pero Galiza non é un caladoiro. Somos un pobo digno, traballador, honesto. Non somos máis que ninguén pero tampouco menos.Este país merece máis que ser espectadora, merece ser protagonista e escribir a súa historia.E para iso temos que facernos valer, confiar en nós mesmas, na nosa capacidade”, subliñou durante a intervención.

Sumar por Lugo

“Queda unha semana por diante para petar en cada porta, para falar con cada veciño e pedirlle confianza. Pero non confianza no Bloque senón en si mesma. Temos que sumar, temos qeu ser máis para que nos escoiten. Para pór Galiza e Lugo no mapa”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG