Ana Pontón: “Empezou a conta atrás do cambio galego e no BNG estamos preparadas para gobernar Galiza”

Ana Pontón
Ana Pontón

Preséntase como a presidenta coas mans libres para defender o País e cun proxecto de goberno para mellorar a vida da xente, ante un PP que é pasado

As dez liñas estratéxicas dun goberno BNG: servizos públicos,  País  produtivo, ciencia, emerxencia climática e modelo enerxético, autogoberno político e financeiro, infraestruturas, lingua e cultura, igualdade e relación con Portugal e a defensa da democracia

Empezou a conta atrás para un cambio de goberno na Xunta, a conta atrás para o cambio galego no que o BNG representa o futuro fronte a un PP que xa representa o pasado e, con ese convencemento, a portavoz nacional, Ana Pontón, presentou no Parlamento a súa alternativa de goberno capaz de mellorar a vida da xente. “Si, o BNG quere gobernar Galiza e estamos preparadas”.

E nese reto, indicou, hoxe hai dous modelos: “O do PP, sen nada que ofrecer salvo resignación e rutina,  ou o dun BNG solvente, ilusionante e desde a confianza. Pasado ou  futuro, son as dúas alternativas entre as que moi pronto escollerán os galegos e as galegas cando, a diferencia de hoxe, decidan nas urnas se queren un presidente do PP ou unha presidenta do BNG para Gobernar Galiza”, salientou Pontón na súa intervención no pleno de investidura.

A líder nacionalista centrouse en explicar a alternativa de goberno do BNG en base a dez liñas estratéxicas centradas en asuntos clave, nun discurso dirixido directamente os galegos e as galegas, enviando unha mensaxe de esperanza no futuro, pese a “desfeita” de trece anos de PP “que deixan unha Galiza peor”.

“Quero dicirvos que somos un país con riqueza e, sobre todo, de xente honesta, traballadora e capaz de saír adiante, por iso é posible unha Galiza en grande da man dun goberno que se deixe a pel por todos e todas vós, ese é o goberno que quero liderar, sumando, sabendo que somos unha sociedade plural, que hai moitas maneiras de sentise galego e galega e todas son necesarias para construír unha Galiza mellor”, proclamou, contrapoñendo “o si a Galiza” do BNG co PP que representa “o non a todo o que sexa a defensa dos intereses do País”.

De cara a ese cambio galega, Pontón presentou as liñas mestras dun goberno do BNG en base a dez obxectivos estratéxicos: reforzar os servizos públicos,  poñer o País a producir,  ciencia e a innovación, loita contra a emerxencia climática unida a un novo modelo enerxético,  autogoberno político e financeiro, infraestruturas, relación con Portugal, apoio á lingua e cultura propias, avanzar nunha sociedade igualitaria e a defensa da democracia.

Un goberno liderado por Pontón que para paliar a crise de prezos, “aprobaría un paquete de medidas para axudar a quen máis o necesita subindo as pensións non contributivas, mellorando a prestación da RISGA, aumentando as axudas para gastos básicos de vivenda, baixando as peaxes das autoestradas e con axudas directas ós sectores máis afectados”, enumerou.

“E tamén, destacou, como presidenta sacaría ás eléctricas da cadeira que teñen no Consello da Xunta, apostando por unha empresa pública de enerxía”, subliñou.

Pontón detallou o seu proxecto de goberno, empezando polo reforzo dos servizos públicos, cun plan de choque de 200 M€ para atención primaria, un plan de saúde mental,- “segunda causa de morte entre a xente moza”-, a contratación dun millar de docentes e a posta en marcha dun modelo de residencias que mude desde a privatización á xestión pública. “Nunca máis negocio coa vellez”, recalcou.

O segundo obxectivo de goberno do BNG é poñer Galiza a producir, freando a desertización industrial, recuperando 100.000 hectáreas de terras agrarias e apostando polo complexo mar-industria. A terceira liña estratéxica está na ciencia e na innovación, coa proposta de destinar a I+D+i o 2,5% do PIB, duplicando o raquítico investimento do PP, poñen en marcha o INNOGAL e un pacto galego pola ciencia que permita captar e reter talento.

Como cuarto punto, a loita contra o cambio climático, cunha lei específica pactada e consensuada, frear o boom eólico depredador que “apadriña” o PP e utilizar a riqueza eólica para beneficio de Galiza desde o respecto ambiental, o respecto ó medio rural e a xustiza social. “Vou ser moi clara: O goberno do BNG vai parar o boom eólico depredador”, declarou.

Quinto obxectivo de goberno, avanzar no autogoberno político e financeiro, empezando por acadar todas as competencias e avanzar tamén na autonomía fiscal para ter “a chave dos nosos cartos”. En sexto lugar, as infraestruturas, desde a transferencia da AP9, pasando por facer competitivos os aeroportos e portos e apostando por unha rede de tren proximidade do século XXI que conecte o territorio, con liñas, horarios e tarifas adaptadas á realidade actual.

A relación con Portugal figura como liña estratéxica pola importancia dunha eurorrexión de 6,5 millóns de habitantes, clave no económico, no social e no cultural. “O pasado é o centralismo madrileño, o futuro o atlantismo galego”, recalcou. A igualdade é o outro obxectivo básico, de tal xeito que “como presidenta”, subliñou Pontón, “farei da igualdade real un reto de goberno, con medidas para acabar coa fenda salarial e a favor da conciliación e a corresponsabilidade”.

Nese reto cara unha sociedade máis igualitaria, destinará o 1% do orzamento á loita contra a violencia machista e, desde logo, “como presidenta combaterei coa máxima enerxía o discurso negacionista da violencia contra as mulleres e o discurso da intolerancia, da LGTBIfobía, do odio ó diferente, porque queremos unha sociedade libre de intolerancia, racismo e xenofobia, onde  cada quen sexa libre para ser,  sentir e amar”.

Entre as liñas mestras, a lingua e a cultura, para un goberno que derrogará o “decreto da vergoña” para devolver o galego como idioma vehicular no ensino. “Hai que acabar co disparate de ter convertido a escola nunha máquina desgaleguizadora”, dixo, tras lembrar que a presenza do candidato a presidente na primeira liña “nunha indigna manifestación contra o galego”.

Pontón completou os dez obxectivos estratéxicos dun goberno do BNG coa defensa da democracia, fronte a un PP que se sente “cómodo” impoñendo unha democracia “de baixo nivel”, gobernando para os lobbies económicos, vampirizando a televisión pública,  aplicando o seu rodillo absolutista no Parlamento e coa corrupción dos contratos amañados con familiares e amigos.

“O BNG devolverá a este Parlamento o respecto que se merece, a TVG ós seus únicos donos que son os galegos e ás galegas, e traballará para servir á maioría social e non a unha presa de privilexiados que se sentan nos consellos de administración. E nunca cruzaremos ningunha porta xiratoria”, sentenciou.

Pontón rematou o seu discurso como empezou,  proclamando a conta atrás para un cambio de goberno na Xunta que quere liderar, desde a humildade pero con ambición de país.  

“Esa semente de cambio quedou plantada o 12 de xullo de 2020, e por iso hoxe o BNG representa o futuro de todos os galegos e as galegas que queren construír outra Galiza da man dun goberno e dunha presidenta coas mans libres para mellorar a vida da xente. Esa é a Galiza que vén, imparable, grazas a forza de todas as persoas que levamos Galiza na cabeza e no corazón. Queremos gobernar Galiza e estamos preparadas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG