Ana Pontón destaca o traballo levado a cabo polo goberno do BNG en Toques a favor da veciñanza

Visita ao concello de Toques
Visita ao concello de Toques

Puxo en valor a transparencia e a eficacia na xestión dos recursos municipais lograda polo executivo local

Penas salienta a redución da débeda e todas as actuación de mellora nos equipamentos, infraestruturas e na dinamización económica e social

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita institucional ao Concello de Toques onde puxo en valor o traballo levado a cabo polo goberno local liderado por Xosé A. Penas que, salientou, “marcan un antes e un despois” no  municipio.

“Tras estes dous anos e medio de goberno do BNG, estamos ante un novo concello,  de portas abertas, transparente, que levou a cabo unha boa xestión dos recursos públicos o que permitiu financiar proxectos para darlle futuro a Toques”, salientou a dirixente do Bloque quen, xunto co  deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, coñeceu de primeira man as principais actuacións impulsadas pola formación nacionalista desde o goberno municipal.

Pontón subliño o traballo “extraordinario” de Penas “quen demostrou cada día a súa implicación para dar unha mellor calidade de vida á veciñanza, e demostrou tamén  a capacidade de xestión e de transformación do Bloque nos concellos, que se preocupa por dar servizos e modernizar infraestruturas e equipamentos, que saca adiante obras que levaban anos esperando”, indicou Pontón.

De entre as distintas actuacións, a dirixente do Bloque salientou a dotación dun patio cuberto no centro escolar da vila, “unha obra que pode parecer pequena pero que é moi importante porque detrás dese patio cuberto hai moitos nenos e nenas que durante o inverno poden saír xogar sen mollarse, e sen estar encerrados, nin amoreados. Dar resposta a este tipo de cuestións é o que da sentido ao traballo político”, alegou.

DSC_0232O BNG ten proxectos de futuro para Toques, “e a equipa municipal vai seguir traballando dándolle para adiante aos proxectos que están sen finalizar, sempre con vocación de servizo público e de defensa dos intereses deste concello, demostrado o seu dinamismo con novas ideas. Detrás desas ideas están persoas como Angel e o resto de compañeiros e compañeiras do Bloque neste municipio”.

Pola súa parte, Penas valorou o feito de que o BNG “logrou un goberno de consenso político, a mellora da xestión e a eficiencia dos recursos, -tanto reducindo costes como amortizando débeda con provedores e entidades bancarias-, o que nos permitiu máis recursos para destinar a servizos socias e culturais e para mellorar as infraestruturas, a través de convenios con outras administracións, proxectos que ningún outro goberno lograra poñer en marcha”, explicou Penas.

Entre os logros da xestión do Goberno en Toques, o BNG salienta a redución da débeda municipal e o saneamento da contas públicas, o que permitiu reorientar os recursos do concello cara a programas de utilidade para a veciñanza.

Igualmente, fíxose unha aposta pola posta en valor do patrimonio cultural, material e inmaterial do municipio, por potenciar as actividades económicas do medio rural, -por exemplo coa celebración da Primeira Feira de Exaltación de Produtos Típicos da Zona-, reforma de camiños e vías de acceso, plans de eficiencia enerxética nas parroquias, entre outras actuacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG