Ana Pontón destaca que Galiza ten ganas dun cambio real que o BNG aspira a liderar, “con humildade e con ambición de País”

Ana Pontón
Ana Pontón

Empeza a contra atrás para un cambio de goberno na Xunta, convencida de que o PP é o pasado fronte a un BNG que representa o futuro

O si ó decreto: favorece á clase traballadora e reactiva a axenda galega. Pide ó Executivo de Sánchez que deixe de xogar con lume porque o bloque de investidura é a única alternativa para frear a dereita e extrema dereita

Ana Pontón destaca que Galiza ten ganas dun cambio real que o BNG aspira a liderar, “con humildade e con ambición de País”

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou o seu convencemento de que o País está nun cambio de ciclo que empezou a noite electoral das últimas eleccións galegas, “un cambio de ciclo no que o PP xa representa o pasado,  por iso Feixóo é o primeiro en abandonar o barco en Galiza,  mentres que o BNG representa o futuro”.

Para a líder do Bloque, “Galiza ten ganas de cambio, un cambio real que o BNG aspira a liderar desde a humildade, pero con toda a ambición de País. Imos a por todas para disputarlle a maioría ó PP, para darlle ó País un goberno que teña como razón de ser a defensa dos intereses dos galegos e das galegas”, salientou. Neste sentido, subliñou, “empeza a contar atrás para que Galiza teñan un goberno liderado polo BNG, un goberno que lle diga si a Galiza e que lle dea futuro de esperanza a xente deste País”.

A dirixente nacionalista tamén fixo referencia á posición do BNG fronte ó decreto aprobado onte no Congreso, cunha dobre reflexión. Por un lado, o voto da formación nacionalista serviu para sacar adiante un paquete de axudas que, aínda que insuficientes, supón un certo alivio ás familias e á clase traballadora. “Foi un voto a favor por responsabilidade coa cidadanía”, recalcou, “que serve para axudar á maioría social ante unha escalada insoportable de prezos”.

Miguel Santalices e Ana Pontón
Miguel Santalices e Ana Pontón

Pero, ademais, o voto do BNG tamén permite reactivar a axenda galega ante o Goberno do Estado, plasmada no acordo de investidura asinado co PSOE, cun paquete de medidas claves para o País, as que o Executivo de Pedro Sánchez aínda non deu cumprimento. Neste sentido, nos próximos días haberá unha reunión da comisión de seguimento do acordo de investidura.

Igualmente, o voto do BNG serviu para recuperar o trámite de exposición pública dos estudos de impacto ambiental dos proxectos de parques empresariais, que o goberno central decidira suprimir. Unha cuestión que impedía a participación pública da cidadanía e que tiña provocado unha enorme alarma en Galiza, nun momento de boom eólico depredador.

Respecto ó sucedido onte no Congreso,  Pontón fixo unha advertencia ó Goberno de PSOE-Podemos: “Coiden o bloque de investidura porque é a única alternativa para facerlle fronte á dereita e a extrema dereita. Así que, o señor Sánchez debe deixar de xogar con lume, debe deixar de lado á calculadora porque o día menos pensado non lle van dar as contas”, alertou.

“Que deixen de comportarse como se tivesen maioría absoluta, porque non é así e hai moito en xogo”, destacou, ó tempo que reclamaba diálogo, negociación e respecto coas forzas políticas que forman o bloque de investidura, “que traballamos tanto a favor dos dereitos dos nosos pobos, das nosas respectivas nacións como dos dereitos e liberdades da maioría social da cidadanía do conxunto do Estado”.

Ana Pontón destaca que Galiza ten ganas dun cambio real que o BNG aspira a liderar, “con humildade e con ambición de País”