Ana Pontón destaca a mellora da mobilidade coa supresión da peaxe Vigo-Redondela lograda polo BNG para veciñanza e empresas

Teis-Chapela
Teis-Chapela
Considera que é a demostración da utilidade de ter voz propia ante o Estado e advirte que o Bloque estará vixiante no cumprimento deste acordo

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladou aos representantes da veciñanza de Teis e Chapela información de primeira man sobre o acordo do BNG co Goberno do Estado, polo cal o tramo da AP-9 entre Vigo e Redondela pasa a ser gratuíto e, ademais, non se repercutirá nas persoas usuarias ningún incremento derivado das obras de ampliación da Ponte de Rande. Un logro histórico que se traduce na partida de 50 M€ nas contas estatais de 2021 que permitirá a maior rebaixa das peaxes da historia desta autoestrada da que se beneficiarán 20.000 persoas que usan esta vía a diario, todo en cumprimento do acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE.

“Este acordo vai permitir mellorar de xeito moi importante a mobilidade da veciñanza de Teis e de Chapela e de toda esta área metropolitana, e todo grazas a mobilización social e ao traballo dun deputado coas mans libres, Néstor Rego, que defende os intereses da xente deste país ante o Goberno do Estado”, indicou a líder nacionalista, quen tamén deixou claro que con este avance non rematan as reivindicacións pendentes, como a conversión en tramo urbano desa entrada da AP-9 na cidade olívica ou a eliminación de ruído coa dotación das barreiras adecuadas.

Pontón subliñou a importancia de ter representación do BNG no Congreso para avanzar no obxectivo de conseguir unha AP-9 de xestión galega e libre de peaxes, e a inclusión desa partida específica nos orzamentos “é un gran paso nesa dirección e un exemplo da importancia de ter voz propia en Madrid que poña en riba de calquera outra consideración a defensa dos intereses dos e das galegas, é un feito dunha transcendencia para Vigo que permite unha mobilidade máis xusta e que tamén terá unha repercusión positiva nas empresas, en particular no sector do transporte, permitindo abaratar custes nun momento de enorme dificultade económica”, indicou.

“Estaremos vixiantes para que empecemos o vindeiro ano cos veciños e veciñas de Redondela e Vigo libres desta peaxe abusiva, tras un longo tempo pelexando por esta xusta reivindicación”, manifestou Pontón ante os representantes veciñais que expresaron a súa satisfacción polo acordo que recolle unha reivindicación moi sentida pola cidadanía. No encontro tamén participou o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, e as deputadas por Vigo Alexandra Fernández e Carmela González, asi como a concelleira de Redondela, Jésica García.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG