Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón: “Desta vai, pero os escanos gánanse nas urnas, non nas enquisas”

Acto Ourense
Acto Ourense
Francisco García pide “transformar o cabreo coas forzas estatais nun voto para defender Ourense no Congreso collendo a papeleta do BNG este 10N”

No mitin de Ourense, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización e a concentrar no BNG o voto de país,  das persoas que queren “que Ourense exista” no Estado e das que tamén queren unha axenda social , convencida de que “desta vai”. “Fai seis meses faltou un puñado de votos para recuperar voz propia en Madrid. Pero hoxe son moitos máis os galegos e as galegas que, votasen o que votasen o 28A, saben que Ourense, que Galiza gana se o BNG está no Congreso e temos que ser capaces de mobilizalas”, recalcou.

“Pídolle a todas as persoas cabreadas co espectáculo das forzas estatais,  cabreadas coa discriminación e co ninguneo a este país,  decepcionadas e cabreadas porque aí seguen intactas a Lei Mordaza ou as contrarreformas laborais que trouxeron precariedade, a todas elas pídolles que se mobilicen, que se rebelen nas urnas votando BNG, que non fai parte do problema senón da solución, que é garantía de defensa de Galiza e de defensa dunha axenda social, de dereitos e liberdades”, proclamou.

Acto Ourense“Sobran os motivos para que nos mobilicemos, para concentrar no BNG todo o voto de país”, subliñou, ao tempo que instaba a “intensificar” a campaña de rúa estes últimos días, “falando co todo o noso entorno, porque os escanos gánanse nas urnas non nas enquisas”, en relación ás sondaxes que confirman que o Bloque volverá darlle voz propia a Ourense no Congreso a partir do 10N.

“Desta vai, -recalcou- pero non demos nada por feito porque as enquisas enquisas son, deixan claro que estamos á alza pero necesitamos movernos e falar con todo o mundo, porque nós non estamos nos platós de televisión”, enfatizou.

A líder nacionalista ironizou sobre o paso de Feixóo pola cidade das Burgas: “Onte estivo de visita de Feixóo e, tan previsible coma sempre, falou do voto “útil” e de que había que dalo todo o 10N para colocar a Pablo Casado na Moncloa. Porque iso é o único que lle preocupa, carretar votos para o seu xefe de filas madrileño, porque trata á veciñanza de Ourense como mercadoría electoral de usar e tirar”, criticou.



As crónicas periodísticas, subliñou, “non recollen nin unha soa liña que faga referencia ás propostas para solucionar os problemas de Ourense: nada para a crise demográfica desta provincia, nada para as persoas que un día si e outro tamén quedan tiradas no anden de calquera tren de cercanías, nada para evitar unha intermodal de segunda, nada para acabar coa estafa do tarifazo do Avant, nada para os sectores produtivos da provincia. Nada de nada”, denunciou.

“Feixóo non se decatou que o 10N non é á segunda volta de Casado nin de Sánchez, é a segunda volta de Galiza, unha oportunidade de devolverlle voz propia a esta provincia confiando na única forza que ten as mans libres para defender Ourense, confiando na firmeza de Paco García, o único capaz de colocar Ourense no debate do Estado, para que se fale dos problemas desta provincia como primeiro paso para darlle solucións”, argumentou.

Acto OurenseEntre as urxencias da provincia ás que o Bloque dará prioridade no Congreso, nun escenario sen maiorías absolutas: corrixir o déficit en infraestruturas, en particular para dotar Ourense dun servizo de tren de cercanías do S. XXI; unha intermodal que solucione problemas, poñer fin á estafa do tarifazo, apoio ao medio rural, -clave para evitar a despoboación na provincia-, e medidas que reactiven os sectores produtivos e permitan crear emprego.

“Este 10N Ourense ten a oportunidade de encher as urnas de papeletas ao BNG para deixar atrás a discriminación e o desprezo das forzas estatais, das do vello bipartidismo de sempre, cun PP-PSOE, que levan décadas ninguneando a esta provincia, e dun Podemos que pactou co PSOE os peores orzamentos para Ourense en vinte anos. O 10N a contestarlle nas urnas como se merecen votando á única opción de país, a que representa Paco García”, concluíu.

Desmontando mitos con Ourense

O cabeza de lista ao Congreso sumouse a petición de transformar “o cabreo nun voto que defenda os intereses de Ourense, un voto para dar peso político a Galiza e introducila na axenda do Goberno central", sinalou. García quixo desmentir o mito de que Madrid nós financia: “damos máis do que recibimos, de feito recibimos cincuenta euros menos por habitante con respecto a outros territorios do Estado, recursos que poderíamos empregar para xestionar os servizos públicos”.

O candidato nacionalista fixo fincapé en que Galiza non pode ser a única muda e desaparecida no debate do Estado: “Canarias, Cantabria, Valencia, Euskadi ou Catalunya teñen representación propia e nós non podemos ficar caladas, temos que ter voz propia”. Igualmente,  destacou que mesmo deputad@s galeg@s doutras forzas políticas “botan de menos ao Bloque no Congreso  porque saben que somos unha forza que leva a Galiza na cabeza e no corazón”.

Pola súa banda, a deputada por Ourense na Cámara galega, Noa Presas, destacou a perda de poboación en toda a provincia, equiparable  “á desaparición da Vila de Xinzo de Limia con 10.844 habitantes”, e destacou o papel da formación nacionalista: “temos outra forma de facer política na que poñemos por diante os intereses de Galiza, con firmeza e honestidade. “A mesma que amosaron sempre Fernando Varela e Xosé Carballido” indicou Presas como recoñecemento a ambos durante as súas responsabilidades de goberno, tras coñecerse a sentenza absolutoria que tardou sete anos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG