Ana Pontón denuncia o “pasotismo” do Estado ante as demandas de Galiza en materia de memoria histórica

Ana Pontón diante do Pazo de Meirás
Ana Pontón diante do Pazo de Meirás

Hai que acabar “cos pozos negros deste Franquismo sen Franco” que mantén os privilexios da familia do ditador mentres @s 19 de Meirás están ameazados con 250 anos de cadea por pedir a devolución do Pazo, alega

Ana Pontón denuncia o “pasotismo” do Estado ante as demandas de Galiza en materia de memoria histórica

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na Marcha pola devolución do Pazo de Meirás, que cualificou de  “marcha pola democracia”, ao tempo que criticou a desidia política do Goberno central para atender a reclamación de recuperar para o pobo galego o patrimonio espoliado polo Franquismo.

“Esta mobilización tamén é un nunca máis ao pasotismo do Estado fronte as demandas que ten Galiza en materia de memoria histórica”, salientou Pontón, “porque é decepciónante ver como o Goberno de Sánchez non da pasos para recuperar o Pazo de Meirás pese a que xa hai dous informes que acreditan que debe ser devolto ao pobo galego. Non entendemos a que está esperando o Goberno de Sánchez”, interpelou a dirixente do Bloque.

Ana Pontón en MeirásO BNG participou activamente nesta “marcha pola democracia”, para reivindicar que o Pazo de Meirás sexa devolto aos galegos e as galegas. “Levamos 40 anos petando nesta porta para que a democracia se abra paso neste país, porque é absolutamente inconcibíbel que 40 anos despois a familia Franco sega dispoñendo duns bens que foron produto do espolio e da extorsión”, indicou a líder nacionalista.

Pontón tamén chamou a atención sobre a incoherencia democrática de ver como os herdeiros de Franco seguen mantendo os seus privilexios mentres 19 galegos e galegas son xulgados por reclamar a devolución deste patrimonio.

“Queremos lembrar o esperpento que supón que mentres á familia Franco non se lle reclaman estes bens, hai 19 galegos e galegas, [email protected] 19 de Meirás-,  que están a ser xulgadas e ás que se lles pide 250 anos de cadea por colocar unha pancarta reclamando a devolución do Pazo de Meirás. Hai que poñer punto final aos pozos negros do Franquismo, hai que poñer punto final á impunidade e aos privilexios cos que segue actuando a familia do ditador, prolongación dese réxime franquista”, alegou.

A dirixente do Bloque alertou contra a auxe da extrema-dereita. “Somos moitas as persoas preocupadas polo avance da ultradereita, preocupadas por este franquismo sen Franco”, indicou, ao tempo que demandou un axenda galega tamén en materia de memoria histórica.

Ana Miranda, Ana Pontón, Goretti Sanmartín e JorqueraMeirás, Cornide, Isaac e Abraham

“É necesario poñer sobre a mesa con forza unha axenda galega para reclamar todos os bens roubados ao pobo galego durante o Franquismo tanto o Pazo de Meirás, como a Casa Grande de Cornide, como as esculturas de Isaac e Abraham. Esta mobilización debe dar paso á demanda xudicial para reclamar a titularidade deste inmoble, porque Galiza non pode seguir esperando e estásenos acabando a paciencia”, concluíu.

Xunto con Ana Pontón participaron na marcha para reclamar a devolución do Pazo de Meirás, a eurodeputada Ana Miranda, -que ven de conseguir o apoio do Parlamento europeo para declarar ilegal a Fundación Franco-, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, así como unha ampla representación da dirección nacional e de concelleiros e concelleiras nos concellos da comarca e militancia.