Ana Pontón: "A demanda para recuperar o Pazo de Meirás é un triunfo colectivo de Galiza"

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón pide “seriedade e valentía” ao Goberno central para chegar até o final e avanza que o Bloque seguirá mobilizándose até lograr a devolución

Recoñecemento ao traballo dos colectivos de recuperación da memoria histórica, de Sanmartín desde a deputación, [email protected] 19 de Meirás, dos investigadores Babío e Pérez e do traballo social, político e institucional

Ana Pontón: "A demanda para recuperar o Pazo de Meirás é un triunfo colectivo de Galiza"

O BNG salienta a súa “satisfacción” pola, por fin, presentación da demanda desde o Goberno do Estado para a recuperación do Pazo de Meirás, que atribúe ao traballo colectivo desenvolvido por colectivos, entidades, institucións e persoas que empregaron esforzo, mobilización e talento para facela posible.

“Esta demanda é o resultado dun traballo colectivo, da presión social e institucional feita desde Galiza, é un éxito de todos os galegos e galegas que queremos que o Pazo de Meirás se devolva porque pensamos que é un acto de xustiza”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, deixando claro que a demanda “non existiría sen o traballo feito desde Galiza, polas asociación da memoria histórica, polo impulso que o nacionalismo lle deu desde a vicepresidencia da Deputación coruñesa, pola acción [email protected] 19 de Meirás  así como grazas a presión social, política e institucional. En definitiva: é o resultado de todo o traballo que levamos feito desde Galiza”.

Un éxito colectivo do pobo galego do que Pontón quixo salientar recoñecementos concretos. En primeiro lugar, a todo o movemento de recuperación da memoria histórica, en particular o da Coruña; aos investigadores galegos que documentaron o espolio, -especialmente a Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo co libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio-, “documento clave para probar a simulación da venda  e para presentar a demanda”.

Igualmente, recoñecemento expreso ao traballo de Goretti Sanmartín desde a Deputación da Coruña, impulsora da Xunta Pro-devolución do Pazo “que fixo o primeiro informe histórico-xurídico que acredito o roubo dando base legal para a demanda actual”. E unha mención tamén para @s 19 de Meirás que, coa súa toma simbólica e pacífica do pazo en agosto de 2017, “internacionalizaron o conflito”, activistas sobre as que aínda pesa a ameza de 247 anos de cadea e medio millón de euros de multa, “un disparate”.

Tampouco esqueceu Pontón o acordo unánime do Parlamento de fai un ano, do que se derivou un novo informe que tamén corroboraba o espolio do pazo. En definitiva, un inxente traballo e mobilización social ás que apela a líder do Bloque para facer unha petición ao Executivo do Estado: “pedímoslle a máxima seriedade, que teña valentía e rigor para que a demanda vaia adiante e se recoñeza nos xulgados o que está demostrado e sobre o que ninguén dubida: que o Pazo de Meirás foi roubado e debe devolverse”.

Tamén considera que desde Galiza hai un traballo “relevante” que facer.  Por exemplo, “que todas as institucións galegas lexitimadas para facelo se sumen á demanda, como a Xunta ou a Deputación da Coruña, cuxo vicepresidente, o nacionalista  Xosé Regueira, adiantou que ven factíbel esa posibilidade”, indicou Pontón.

Estatuas do Pórtico e Casa Cornide

“Esta demanda é un paso importante, pero non o definitivo, de cara restituír a memoria das vítimas e poñer fin á impunidade do franquismo”, recalcou a nacionalista, lembrando que  o espolio franquista abarca tamén ás estatuas do Pórtico da Gloria e a Casa Cornide da Coruña.

“Por iso, o BNG vai seguir traballando para conseguir a devolución de todos os bens por xustiza e tamén por democracia para acabar cos privilexios e a coa impunidade que aínda ten o franquismo. Igualmente, imos seguir coa mobilización porque sabemos que sen a presión política e social isto pode quedar en nada e non imos permitir que pase”, concluíu.

En nome [email protected] 19 de Meirás, Nestor Rego incidiu en que a demanda “é o resultado do traballo e dunha reivindicación colectiva” que confía sexa un paso real para contribuír a restituír a dignidade das vítimas do franquismo. Rego declarou que as persoas que participaron no acto simbólico da toma do pazo “sentimos lexitimo orgullo dunha acción que supuxo un antes e un despois nesta demanda social”.

Principio do fin da impunidade

Igualmente, considera necesario seguir mantendo a presión social e institucional para acadar a devolución de todos os bens roubados, e lamenta que se tivese que recorrer á vía xudicial en lugar de usar a vía política, como se fixo nos anos posteriores ao fin da ditadura co patrimonio dos sindicatos e das organizacións políticas.

Pola súa parte, Goretti Sanmartin puxo en valor todo o traballo desenvolvido desde a Deputación, cunha vicepresidencia que impulsou a Xunta pro devolución, autora do informe xurídico clave na presentación da demanda. Lamentou que o Executivo central tardase máis dun ano en dar o paso e destacou, pese a esa demora,  “hai razóns para parabenizarnos por chegar a este momento ao conxunto do pobo galego, -social e institucionalmente-, é abrir as portas do comezo do fin do franquismo, abrir esta fiestra absolutamente necesaria para comezar a respirar”, concluíu.