Ana Pontón defenderá no pleno de investidura unha alternativa de futuro a un PP que xa é pasado e deixa unha Galiza peor

Ana Pontón
Ana Pontón
“O Senado está para defender os intereses galegos, non para dar altavoz partidista e inmunidade a Feixóo e aforrarlle dous salarios ao PP”, critica

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o Bloque vai presentar no debate de investidura que comeza mañá no Parlamento galego “unha alternativa de goberno”, convencida de que “comeza a conta atrás para o cambio galego e de que o PP representa o pasado e o BNG, o futuro”.

“Sabémolo nós, sábeo a cidadanía galega e tamén o sabe o propio PP”, asegurou para engadir que, de feito, “se hoxe non convoca eleccións é porque sabe que as perdería e que o BNG representa a alternativa de futuro, que ten un proxecto para gobernar este País e para poñer en marcha un cambio galego” que, segundo recalcou, “aspiramos a liderar dende a humildade, o traballo, pero tamén dende a ambición de País e sobre todo, traballando man a man co conxunto da cidadanía galega”.

Pontón criticou que despois de 13 anos na que deixa unha “Galiza máis pequena e peor da que atopou”, Núñez Feixóo despídese da política galega “ao seu máis puro estilo”, facendo un “uso partidista” das institucións para, neste caso, usar a representación que lle corresponde a Galiza no Senado que, segundo advertiu, “está para defender a Galiza, non para darlle inmunidade e un altavoz partidista a Feixóo e moito menos para aforrarlle dous salarios ao PP”. 

“Desde o punto de vista institucional, desde o punto de vista do Estatuto de Autonomía e desde o punto de vista constitucional, o que está facendo o PP e Feixóo é unha burda fraude de lei: é unha falta de respecto a Galiza e aos galegos e ás galegas”, reprobou, para recalcar a continuación que esta é unha mostra máis de que estamos ante o PP do non, “do non a todo o que significa a defensa de Galiza”.

A evidencia dos datos: a Galiza máis pequena que deixa o PP

Un “non” sistemático á defensa dos intereses galegos que, a xuízo da líder nacionalista, “ten consecuencias” e, neste sentido, apelou aos datos que confirman “a desfeita que nos deixan estes anos de goberno do PP do non”. Entre eles, apuntou os 218.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar nun País que sofre ademais unha “crise demográfica terrible”, cunha caída da poboación do 4% dende 2009. “Somos 107.000 galegos e galegas menos”, alertou.

De igual xeito, advertiu dos recortes nos servizos públicos, co peche de 925 camas hospitalarias, con listas de espera, “por primeira vez na historia”, para poder acudir ao médico ou médica de cabeceira “nunha Atención Primaria colapsada” e co 85% das prazas de residencias privadas ou de xestión privada, “convertendo a vellez nun negocio a costa do benestar das persoas”. Pontón mostrou a súa especial preocupación ante a taxa de suicidios, a segunda máis alta de todo o Estado, “mentres segue habendo máis de 7.000 persoas en lista de agarda para unha consulta en saúde mental”. 

Logo de sinalar os 138 centros de ensino pechados, “un de cada 10 centros do País”, e a redución do 4,5% do profesorado na educación pública mentres este incrementaba un 5,5% na privada, a portavoz nacional do BNG tamén ofreceu datos que evidencian a mala xestión do PP no ámbito económico, con menos emprego e sectores produtivos empequenecidos.

Así, subliñou que Galiza ten hoxe en día menos persoas afiliadas á Seguridade Social e menos poboación ocupada, cun paro que afecta sobre todo á mocidade e ás mulleres, “que soportan ademais unha fenda salarial do 19%” e, neste sentido, recordou que a taxa de poboación ocupada entre 16 e 29 anos reduciuse en 100.300 persoas, “practicamente a metade das que tiñamos en 2009”.

“Na Galiza do PP do non hai 600.000 persoas en risco de pobreza e cunha realidade que me preocupa especialmente e é que temos a porcentaxe de pensionistas en situación de pobreza extrema máis alta do Estado”, recriminou, para recordar a continuación a perda de 14.700 e 6.200 empregos na industria e na pesca, respectivamente, e a redución á metade das explotacións lácteas: de 13.349 explotacións en 2008 ás 6.768 actuais. A isto sumou o feito de que a superficie agraria destinada a produtos de consumo humano só alcanza na actualidade o 3,9%, fronte á media estatal que se eleva ao 25,5%, mentres que, iso si, o Goberno do PP deixa o 20% do territorio ocupado por eucaliptos.

Tras advertir  que o País tamén está por debaixo da media en empresas altamente competitivas e que inviste menos que no conxunto do Estado en ciencia e a investigación, Pontón sinalou que, fronte a unha Galiza que foi a menos en poboación, emprego, industria e servizos públicos, no que si foi a máis co Executivo do PP foi na súa débeda pública, elevada ata o seu máximo histórico con 14.515 millóns de euros, o que equivale ao 19,2% do PIB. “Esta é a Galiza que nos deixa o PP do non, unha Galiza que vai a menos e que claramente se fai máis pequena”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG