Ana Pontón critica a vía autoritaria do Estado con Catalunya ao que condera parte do problema

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o Goberno central está optando “pola peor solución” en relación ao proceso de Catalunya e aposta polo diálogo e a democracia para buscar unha solución ao lexítimo dereito de millóns de cidadáns a decidir. Indo pola vía do autoritarismo pechando a porta ao diálogo fai que o Executivo de Rajoy se converta en parte do problema.

“A resposta do Goberno de Rajoy é pechar a porta ao diálogo e ir por esa vía, lonxe de ser parte da solución, estase constituíndo en parte do problema negando a evidencia de que hai miles de cidadáns reclamando o seu dereito a decidir, que están pedindo que se lles escoite, e non se pode ir contra a vontade de todo un pobo”, salientou Pontón a preguntas dos medios tras un almorzo informativo no Club Financeiro Atlántico da Coruña.

“O Goberno central debe apostar pola democracia e, igual que fixo o Goberno de Reino Unido co Goberno de Escocia, pactar un referendo. Non entendemos como isto se converte é misión imposible no Estado español, porque a vía autoritaria é unha vía fracasada e a única solución é a democracia e o diálogo”, salientou a dirixente nacionalista.

“A política ten que estar para dar solucións e non para crear problemas, e neste momento os partidos maioritarios no Estado están a ser parte do problema negando o dereito a decidir a miles de cidadáns”, recalcou.

Para o BNG, non cabe que o Goberno do Estado “se negue a falar como correspondería en calquera democracia avanzada. A solución ten que vir do diálogo, pero o que está a demostrar o Estado español é que a súa única resposta é encadear persoas por organizar manifestacións e suspender a autonomía de Catalunya. Esa nunca vai ser a solución”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG