Municipais 2023

Ana Pontón converte facilitar o acceso á vivenda nunha prioridade para o BNG tanto nos concellos como a nivel nacional

Vigo
Vigo
Propón crear un Banco galego de vivenda para xestionar as vivendas baleiras e fomentar o seu aluguer a prezos asumibles pola maioría, fronte ao PP que “dinamitou” a política de vivenda pública

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo no vigués barrio do Calvario xunto co candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, onde destacou que facilitar o acceso á vivenda é unha prioridade do BNG tanto desde os concellos como a nivel nacional, porque o incremento imparable dos prezos esta convertendo en misión imposible para miles de galegos e de galegas poder pagar un aluguer.

“O acceso á vivenda é un auténtico problema para miles de persoas, sobre todo para a xente moza pero tamén para moitas familias, ante a subida imparable do prezo do aluguer nas cidades”, destacou a líder do Bloque, subliñando que nos últimos anos o prezo da vivenda en aluguer aumentou en Galiza un 25%, “o que nunha cidade como Vigo supón unha subida media de 1.700€ máis ao ano”.

Fronte a un PP que “dinamitou” a política pública de vivenda ignorando os problemas da cidadanía, Pontón puxo sobre a mesa algunhas das principais propostas do BNG.

En primeiro lugar, crear un Banco galego de vivenda para mobilizar o parqué de vivendas baleiras, -estimado en 75.000 inmobles só nas grandes cidades-, e facilitar o seu aluguer a prezos asumibles pola maioría social, unha proposta a nivel nacional “porque a Xunta ten competencias exclusivas en vivenda”, indicou. Neste sentido, o Bloque tamén contempla medidas fiscais de incentivo para lograr mobilizar estes inmobles.

Outras medidas son aumentar as axudas ao aluguer para a mocidade, “non é a solución definitiva pero é necesaria mentres non se conteñen os prezos”, explicou; crear un parque de vivenda pública en aluguer, “para achegarnos ao noso entorno europeo”, e incentivar a rehabilitación, -o que tamén é unha fonte de creación de emprego. 

Pontón cualificou de “impresentable” que o Goberno do PP “dinamitase” a política pública de vivenda durante catorce anos, o que exemplificou con tres datos: O PP anunciou 870 novas vivendas de promoción pública co Plan 2015-2020;  pero en seis só iniciaron 14 novas vivendas públicas; prometeu rehabilitar 3.000 vivendas co plan REXURBE e apenas rehabilitou dez inmobles; e entre 2016 e 2019 só se iniciou unha vivenda protexida en aluguer.

Datos que deixan as claras que o PP “lle deu as costas aos galegos e ás galegas ante unha das súa máximas preocupacións, como é o acceso a unha vivenda digna”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG