Debate sobre a conferencia de presidentes

Ana Pontón: “A conferencia de presidentes foi un bluff e o posicionamento do PP condúcenos á irrelevancia”

Intervención de Ana Pontón no Pleno
Intervención de Ana Pontón no Pleno
  • O BNG ofrece un pacto de país a PP, PSOE e En Marea para consensuar un novo sistema de financiamento
  • Demanda unha negociación bilateral Galiza-Estado e aposta polo concerto económico que aportaría 3.500 M€ adicionais
  • Acabar co espolio enerxético cunha tarifa eléctrica para familias e empresas e recuperar o sistema financeiro propio, propostas do BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de bluff a conferencia de presidentes porque se saldou sen nada concreto para Galiza e porque pesaron máis as ausencias de Euskadi e Catalunya “que son as que marcan o ritmo exercendo como nacións”. Desta cita, o único que saíu en claro foi o que a dirixente nacionalista denominou “operación para salvar o réxime e o status quo do 78” cun pacto entre PP e PSOE.

“As propostas que avanzou nesta cámara supoñen unha nova recentralización en contratación pública, violencia de xénero ou educación”, lamentou Pontón, “a solución aos problema de Galiza non pasan por ir de reunión ao Senado” indicou a dirixente do Bloque, quen confía en que a comparecencia de Feijóo a petición da oposición teña continuidade. “Sería un síntoma de saúde democrática que lle fai moita falta a este Parlamento”, indicou.

Pontón propuxo conformar un pacto de país a PP, PSOE e MAREA “desde a confianza nas posibilidades de Galiza” nun tema clave como o do financiamento, e reiterou a aposta do BNG polo concerto económico que aportaría 3.500M€ adicionais “que nos permitirían acabar cos recortes en servizos públicos e sociais”. “O concerto económico é a alternativa para as nacións con vontade política de selo e para a convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”, proclamou.

A dirixente do Bloque pediu a Feijóo que abandone a súa posición de submisión e de espectador, e aposte por unha negociación bilateral Galiza-Estado, como fan as outras nacionalidades históricas, “é a única maneira de marcar axenda galega no Estado, o contrario é diluírnos no café para todos cando o que nos corresponde é estar no tren das nacións”.

E dentro desa axenda política,  Pontón puxo encima da mesa outras dúas cuestións clave: acabar co espolio enerxético e recuperar o sistema financeiro galego.

No primeiro punto, a dirixente nacionalista considera unha broma de mal gusto que a conferencia de presidentes pretenda vender un acordo en materia enerxética, cando hai miles de familias galegas que non poden nin prender a calefacción estes días de frío “nun país que é produtor excedentario de enerxía!” Neste sentido, o BNG volve poñer encima da mesa a tarifa eléctrica galega para que familias e empresas se beneficien de que somos produtores de electricidade, cando menos “non pagar os custes de distribución da luz ao Estado e unha tarifa xusta, eso si sería un xeito efectivo de combater a pobreza enerxética”, argumentou.

En relación ao “desmantelamento” das caixas que supuxo “a maior estafa colectiva recente a Galiza”, Pontón reprochou a Feijóo os seus lamentos polo ingreso en prisión dos ex directivos que cobraron indemnizacións millonarias e ilegais. “O dramático non é que vaian un par de anos a cadea, o dramático é que se regalasen as nosas caixas de aforro, o dramático é a estafa das preferentes, as cláusulas solo, o dramático é a desaparición do noso sistema financeiro”, denunciou.

Por iso, o BNG demanda unha comisión de investigación “sen mordazas” na que debe comparecer o propio presidente da Xunta para dar conta das súas responsabilidades políticas. “O importante é poñer en marcha unha estratexia que nos permita recuperar unha banca pública galega”, concluíu.

No turno de réplica, Pontón volveu poñer en valor o concerto económico cunha pregunta moi directa a Feijóo. “Se Euskadi ten o concerto por que Galiza non, se Catalunya vai conseguir o concerto, porque Galiza non, porque negarnos un sistema que nos aportaría 3.500 M€?”, preguntas que o presidente da Xunta non contestou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG