Xornada de formación sobre o sistema de financiamento

Ana Pontón: “O concerto económico aportaría a Galiza 3.500M para financiar servizos públicos e sociais”

Xornada de formación sobre financiamento
Xornada de formación sobre financiamento
  • Insta a PP, PSOE e En MAREA a formular unha alternativa “desde a confianza no país” porque só desde unha mentalidade colonial se pode asumir que vivimos da solidariedade do Estado

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a xornada de traballo organizada polo BNG sobre o futuro sistema de financiamento autonómico para defender o concerto económico, “única opción de autonomía real, única opción para avanzar” e, ademais, garantir “unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”.

“Por que defendemos o concerto económico contra vento e marea? Porque nós dá o control total dos nosos cartos, porque aporta aos galegos e galegas 3.500M€ adicionais cos que blindar os servizos públicos e o servizos sociais, porque nos permite aplicar unha fiscalidade xusta na que paguen máis os que máis teñen e, por suposto, porque Galiza é unha nación, confiamos na capacidade deste país, non compramos a falsa idea de que vivimos da solidariedade do Estado”, “Galiza non lle debe nada ao Estado, é o estado quen ten unha débeda con nós” sintetizou Pontón.

A dirixente nacionalista botou man dos datos.

Coas cifras oficiais de 2014, -último exercicio fiscal liquidado-, Galiza aportou ao Estado vía impostos 11.131 M€, mentres este tranferiu 7.043M co actual modelo de financiamento. Se tomamos como referencia os criterios de PIB e poboación que se lle aplican a Euskadi, -que ten concerto económico-, a achega galega ao Estado sería de 630M€, o que deixa un saldo de 3.458 millóns a favor de Galiza.

Estes cartos adicionais que agora se perden, “acabarían cos recortes en sanidade, en educación, na lei dependencia e noutros servizos sociais e, ademais, non habería necesidade de endebedarnos e soportar a sangría do pago da débeda que, este ano, vaise levar 20 euros de cada cen dos orzamentos”, indicou Pontón.

Coa realidade que amosan estes datos, “só desde unha mentalidade colonial se pode dicir que Galiza sae perdendo co concerto económico e manter a falsa idea de que vive grazas á solidariedade do Estado”, salientou Pontón, quen instou a PP, MAREA e PSOE “a conformar un pacto de país nun tema clave como é o futuro modelo de financiamento pero desde a confianza nas capacidades de Galiza”.

“O concerto económico é a alternativa para as nacións que teñen vontade política de selo e para unha convivencia entre iguais nun Estado plurinacional”, argumentou.

A xestión de todos os recursos daría a Galiza unha “verdadeira autonomía financeira” e, polo tanto, “un verdadeiro autogoberno” para promover o desenvolvemento económico, social e cultural que necesita, “sen condicionantes, nin restricións”, explicou Pontón.

Xornada de formación sobre financiamentoDemagoxia fiscal de Feijóo

O concerto económico permitiría tamén un sistema fiscal xusto.

“Máis aló da demagoxia de Feijóo, foi o PP quen máis subiu os impostos, dun xeito desproporcionado no caso do IVE, o que supón que 700.000 galegos e galegas en risco de exclusión social teñen que pagar o mesmo para comprar bens de primeira necesidade cas rendas altas. E igual pasa coas pensións”, criticou a dirixente do BNG.

Neste sentido, a proposta do concerto económico tamén inclúe unha nova fiscalidade que parta do principio de que pague máis quen máis ten, contemplando medidas como que as empresas que realizan a súa actividade produtiva en Galiza obrigatoriamente tributen aquí.

A xornada de traballo con responsables políticos e económicos tivo como obxectivo definir a proposta do concerto económico porque, “a diferenza do señor Feijóo non precisamos que ningún grupo de expertos nos diga desde Madrid que modelo de financiamento precisamos, somos capaces de facer unha alternativa desde e para Galiza”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG