Galegas 2016

Ana Pontón comprométese con SEAGA a rematar coa precariedade do servizo de extinción de incendios

Rolda de prensa de Ana Pontón co comité de empresa de SEAGA
Rolda de prensa de Ana Pontón co comité de empresa de SEAGA
  • Nun encontro con traballadoras e traballadores da empresa pública SEAGA, a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón manifestou que é necesaria unha  “nova política forestal ” centrada na prevención,  uso multifuncional do monte e  cambios estruturais que  poñan fin ao drama dos incendios

Tras o encontro con representantes da empresa pública SEAGA, a candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, trasladou o seu compromiso co fin de rematar coa precariedade do servizos de extinción de incendios e apostou por  “unha nova política forestal” despois do 25 S centrada  na prevención,  uso multifuncional do monte e promoción de  cambios estruturais “que poñan fin ao drama dos incendios”.

Os incendios,  “non se apagan no verán”, apáganse no inverno con medios de prevención e poñendo en marcha medidas que impidan que todos os anos teñamos que asumir perdas económicas millonarias para o sector forestal e o sector agrario e que representan un “grave risco” para as persoas e o noso medio natural, afirmou a nacionalista.

Pontón acompañada da candidata nº dous pola provincia de Pontevedra, Montse Prado,  recalcou que “Galiza é o territorio do Estado español con maior número de lumes” acadando o record de maior superficie queimada afectada,  “10.000 incendios ao ano  que afectan  a cerca de 24.000 hectáreas”. Para a candidata, detrás dos lumes existen problemas estruturais e unha xestión do territorio deficiente, un cambio de usos errada que provocou a falta de peso das actividades agrarias aumentando o terreo forestal de maneira desordenada. Neste sentido lembrou que Núñez Feijóo, nos últimos sete anos, tomou medidas “irresponsables” ao reducir as franxas de protección das vivendas  e vías de comunicación ao que sumou “o abandono da política forestal,  eliminación das políticas de prevención, e como  xa denunciaron os propios traballadores e traballadoras, non resulta lóxico poñer en marcha os dispositivos no mes de agosto”.

A candidata criticou as decisións que provocaron a precarización do servizo de  servizo de extinción, tanto nos entes públicos como privados. No fondo, remarcou Pontón, o goberno de Feijóo tenta “agochar intereses privatizadores do servizo de prevención e extinción de incendios” poñendo mesmo en risco a vida das persoas.

Dende o BNG, a nosa aposta pasa pola unificación do servizo e garantir o seu  carácter público e profesionalizado así como por  un cambio na política forestal priorizando as políticas preventivas da man das comunidades de montes veciñais en man común, con gandeiros e gandeiras, un plan xeral de rozas  e implantar medidas superar o modelo de monocultivo do eucalipto. “SEAGA é unha empresa pública que pode facer traballo forestal de prevención e ter un monte ordenado para non padecer todos os anos a praga dos incendios forestais”.

Con outra política forestal os incendios se reducirían o que non se pode facer é “a política da avestruz” ou utilizar os incendios para que algunhas empresas segan facendo negocios.

Os traballadores de SEAGA denuncian grave precariedade laboral

Pola súa parte, o  presidente do comité de empresa da Coruña, Pablo Boj denunciou  a “precariedade laboral”  de SEAGA, parte fundamental do servizo con 500 traballadores coa condición e fixos-discontinuos que traballamos “tres meses” e sen dereitos a subsidio de desemprego nin a  paga de 406 euros. Somos traballadores con máis de dez anos apagando incendios en condicións moi precarias, afirmou.

O representante dos traballadores de SEAGA cualificou de “palabraria barata” o anunciou da Xunta sobre o acordo polo que é recoñecida a categoría de bombeiro forestal e explicou que só unha parte do dispositivo acedará a esa condición, “ só un terzo do dispositivo que na actualidade traballa en Galiza”. O acordo, dixo, non foi negociado coas organizacións sindicais, “é un acordo baleiro de contido”. Dende SEAGA somos partidarios dun servizo único e público e non dun acordo que non resolve a nosa precariedade laboral.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG