Galegas 2020

Ana Pontón compromete reforzar os servizos sanitarios na comarca do Deza: “nada hai máis importante que garantir o dereito á saúde”

Deza
Deza

Dará resposta á demanda dunha ambulancia medicalizada porque é “de xustiza” e ás dotacións para mellorar o centro de saúde, o PAC e arrancar co centro de alta capacitación

En Lalín pediu unha mobilización masiva nas urnas e concentrar no BNG todo o voto do “cambio galego” para facer historia cunha muller presidenta

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o encontro en Lalín con responsables municipais, militantes e simpatizantes para destacar a importancia de ter unha sanidade pública “forte e libre de recortes” e para trasladar o seu compromiso de que un goberno liderado polo BNG vai reforzar os servizos sanitarios na comarca do Deza, que suma a 40.000 persoas ás que é unha obriga garantirlles a mellor atención.

“O BNG fai unha aposta decidida e rotunda polos servizos públicos, moi en particular pola sanidade, porque se antes da pandemia era xa unha cuestión irrenunciable, o coronavirus demostrou até que punto ter un sistema público de saúde fortalecido, co persoal necesarios e con recursos, é imprescindible para salvar vidas”, destacou a candidata nacionalista, “por iso se o 12 de xullo os galegos e as galegas me dan a súa confianza imos traballar desde a Xunta para reverter os recortes e privatizacións destes once anos do candidato do PP”.

No caso do Deza, Pontón deixou claras as prioridades de traballo dun goberno do BNG para esta comarca: mellorar o centro de saúde e o PAC, -tanto no que se refire ao acondicionamento do centro como a dotación de persoal, servizos e horarios-; poñer en marcha dunha vez por todas o centro de alta resolución, -tendo en conta ademais que o anterior goberno local xa deixo lista a parcela para albergalo-, e unha ambulancia medicalizada para a comarca.

Neste sentido, a líder do BNG foi moi crítica co candidato do PP, “que mesmo chegou a enganar a veciñanza do Deza mentindo con total descaro no Parlamento galego anunciando unha ambulancia medicalizada que non existía e que, a día de hoxe, os concellos desta comarca e a veciñanza teñen que seguir reclamando”, denunciou.

“Desde logo, un goberno da Xunta encabezado polo BNG non lle vai mentir a veciñanza de Lalín nin dos outros concellos desta comarca. Por contra, cumpriremos para que canto antes o Deza teña unha nova ambulancia medicalizada e minimizar así o risco dun desenlace fatal por falta deste servizo”, indicou, “a veciñanza está moi cansa, e con toda a razón, das promesas baleiras que nunca chegan a nada do PP, é hora de que esta comarca teña un Goberno que cumpra en materia de infraestruturas sanitarias”.

A candidata do Bloque á Presidencia aproveitou o encontro en Lalín para pedir unha mobilización masiva nas urnas e para pedirlle a esa maioría social que ansía un cambio galego que concentre o seu voto no BNG. “Rompamos coa rutina e fagamos historia para que, por primeira vez na historia, Galiza teña unha muller nacionalista presidenta, liderando un goberno do BNG coas mans libres para defender a este país e a súa xente”, apelou á veciñanza do Deza de cara a cita electoral do 12X.

Consciente de que hai moitas persoas indecisas, Pontón fíxolles unha apelación directa: “Quero dirixirme aos galegos e galegas desta comarca que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con esperanza ao BNG, quero dirixirme a todas as persoas que tendes ganas de abrir un tempo novo en Galiza cunha muller presidenta, cun Goberno que se faga valer, sen ataduras e capaz de defender este país sen pedir permiso a ninguén. É o momento de votar con orgullo, con ilusión e con esperanza en que imos construír unha nova Galiza, unha Galiza con futuro a partir do 12 de xullo”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG