GALEGAS 2020

Ana Pontón compromete nas Pontes unha transición enerxética xusta cun plan de industrialización da man dun Goberno liderado polo BNG

Acto As Pontes
Acto As Pontes

Pide mobilizarse o 12X para lograr o cambio galego. Propón un modelo de servizos sociais no que o coidados das persoas maiores sexa un dereito e non un negocio

Advirte da falta dun protocolo da Xunta ante un rebrote e pídelle a Feixóo que actúe: “que se remangue porque falamos da saúde dos galegos e galegas nunha pandemia”

Rivas: “Por que Galiza non entra nos plans de descarbonización? Precisamos un goberno que faga valer os intereses do país e acabe con tanta discriminación”

Ana Pontón compromete nas Pontes unha transición enerxética xusta cun plan de industrialización da man dun Goberno liderado polo BNG

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveito u o acto do BNG nas Pontes para facer un chamamento a todas as persoas que queren un cambio real a que se mobilizen nas urnas “para facer historia abrindo un tempo novo neste país cunha muller e nacionalista como presidenta, liderando un goberno que faga valer os intereses dos galegos e das galegas”. Ese cambio real, insistiu, “é posible se todos e todas as que queremos pasar a páxina desta Galiza decadente e minguante que nos deixan once anos do candidato do PP damos un paso adiante nas urnas”, proclamou.

Nun concello e nunha comarca impactada de cheo pola desertización industrial, - neste caso polo anunciado peche de ENDESA-, ante a pasividade do Goberno da Xunta e do Goberno do Estado, Pontón defendeu unha transición xusta que dea alternativas de emprego.

“Imos impulsar un proceso de industrialización igual ao que se está facendo noutros países como é o caso de Alemaña, cun plan plurianual para as comarcas afectadas pola transición enerxética dotado de recursos e negociado con todas as partes implicadas. E que non nos digan que non se pode, que non hai cartos para facelo os mesmos que puxeron sobre a mesa 90.000 millóns de euros para rescatar á banca, os mesmos que puxeron sobre a mesa 5.000 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas”, explicou nas Pontes.

Acto As PontesNeste sentido, a líder nacionalista destacou que o Estado español vai recibir 140.000 millóns de euros da Unión Europea, “e Galiza precisa ter un goberno que defenda os seus intereses para que reciba a parte que lle corresponde dese fondo e, o digo con humildade pero con orgullo, só o BNG pode facelo fronte a unhas forzas estatais que se moven entre a confrontación partidista e submisión, en función de quen se sente na Moncloa, uns e outros se alternándose na discriminación a Galiza. Podemos romper ese guión se o 12X todas as persoas que queren un cambio real se mobilizan de xeito masivo dando a súa confianza ao BNG”, alegou.

Pontón tamén aproveitou o acto aberto coa militancia e co veciñanza das Pontes para enviar todo o seu apoio as persoas que están hoxe nas rúas en defensa doutro modelo de servizos sociais, deixando claro que un goberno liderado polo BNG vai facer do coidado dos maiores e das persoas máis vulnerables unha cuestión prioritaria da súa acción política. Igualmente, a líder nacionalista volveu expresar a súa preocupación polo feito de que a Xunta non teña protocolo concreto e definido de como actuar ante un posible rebrote.

“Un Goberno presidido polo BNG vai situar os coidados como prioridade: os coidados dos nosos maiores, das persoas que precisan atención específica, dos colectivos máis vulnerables. Teñen o meu compromiso de que imos darlle a volta ao modelo privatizado que nos deixa o candidato do PP, que fixo da vellez un negocio lucrativo para un puñado de empresas. O modelo de coidados do BNG parte do dereito a ter unha vellez digna, sexan cal sexan os ingresos de cada quen, e imos apostar por un modelo de xestión pública”, explicou.

Neste sentido, e tendo en conta a durísima situación que se viviu nestes centros durante a pandemia, Pontón recriminoulle ao candidato do PP “que non fose capaz de facer nin unha soa praza pública en once anos”. Por contra, compromete a posta en marcha de sete residencias nas grandes cidades en catro anos, “que serán a punta de lanza do modelo público que o BNG vai impulsar desde o Goberno da Xunta a partir do 12 de xullo”, recalcou.

En relación a posibles rebrotes, fixo fincapé na “preocupación” que lle suscita ao Bloque “a inacción, a actitude de brazos caídos do candidato do PP” ante a posibilidade de que haxa un rebrote. “Pregúntome: onde está o protocolo da Xunta, onde está o plan de actuación en caso dun rebrote en Galiza? Un plan, un protocolo que poñer en marcha de xeito inmediato para minimizar calquera posible rebrote ou foco de contaxio. Pídolle a Feixóo que, por unha vez, exerza a súa responsabilidade, que deixe de buscar culpables e que se remangue, que faga o seu traballo porque estamos falando de algo tan serio, nada máis e nada menos que da saúde dos galegos e das galegas no medio dunha pandemia”, concluíu.

Solo empresarial para a comarca

O cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas, tamén fixo referencia a ese agravio preguntándose porqué Galiza non entra nos plans de descarbonización, “e porque nin o goberno central nin o galego lle esixen á empresa, ENDESA, agora en mans italianas tras sen unha empresa pública, un plan alternativo para a central das Pontes”.

Igualmente, Rivas fixo referencia a necesidade de solo empresarial no concello e na comarca. “É de caixón: se queremos traer empresas para este concello, para esta comarca, terán que ter un sitio onde ubicarse, non si? Pois isto tan lóxico e doado de entender no lle entrou na cabeza ao candidato do PP que, en once anos, non foi capaz de poñer en marcha nin un só metro cadrado de solo empresarial nesta área. O BNG porase mans á obra para crear solo industrial nesta comarca, só hai que querer facer as cousas, buscar solucións, porque desde a inacción política nada se consigue”, concluíu.

 

Ana Pontón compromete nas Pontes unha transición enerxética xusta cun plan de industrialización da man dun Goberno liderado polo BNG