Galegas 2020

Ana Pontón compromete na Lonxa da Coruña un goberno “que se parta a cara polo sector pesqueiro”

Encontro Lonxa A Coruña
Encontro Lonxa A Coruña
Aposta por distinguir no mercado os produtos galegos, aproveitar o Brexit para conseguir máis cota e propón un plan estratéxico da man do sector

O BNG é unha forza política a alza o que lle permite estar en disposición de liderar o cambio real o 5 de abril, fronte a un PP que cada vez perde máis apoios. Así o valora a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, preguntada polo resultado do último barómetro do CIS.

“É posible abrir un tempo novo se hai un apoio rotundo ao BNG unindo todo o voto nacionalista, galeguista, unindo o voto de todas as persoas que queren un cambio real na papeleta do Bloque”, salientou, tras indicar que o propio candidato Feixóo confirma que sopran ventos de derrota nas filas populares cando opta por unha incorporación masiva nas listas de altos cargos.

“As candidaturas buscan darlle acubillo a todos eses altos cargos, síntoma de que Feixóo e o PP saben que a partir do cinco de abril non van estar no Goberno da Xunta e xa se están preparando para ser oposición na próxima lexislatura”, argumentou.

A dirixente nacionalista fixo estas declaracións antes do encontro cunha delegación do consello de administración da Lonxa da Coruña, no que tamén participou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, e o portavoz municipal, Francisco Jorquera.

“A pesca é un sector estratéxico e a disposición do BNG é total para defendelo tanto desde o Parlamento europeo, desde o Congreso como desde o Goberno da Xunta”, indicou, deixando atrás un Executivo do PP que “non estivo á altura”. “O que vimos co goberno de Feixóo foi como a submisión a Madrid e a falta de capacidade para defender ao sector levounos a perder cota, emprego, a esnaquizar barcos e a perder oportunidades. O compromiso do BNG é un ser aliado do sector pesqueiro coas mans libres e sen ataduras”.

Pontón deixou claro que se precisa “un goberno disposto a partirse a cara polo sector pesqueiro e non un goberno submiso ás directrices nin da Unión Europea nin de Madrid”, ratificou.

Entre as proposta concretas que a candidata nacionalista trasladou á dirección da lonxa coruñesa, o compromiso de sacar adiante un plan integral de apoio á pesca en total colaboración co sector. Igualmente, e tendo en conta a extraordinaria calidade do produto galego, reforzar os mecanismos para identificar a procedencia do produto pesqueiro e marisqueiro, tanto na venta como no consumo.

Nación pesqueira

O BNG tamén considera imprescindible conseguir a declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca. “De feito é un disparate que aínda non teña esa categoría que nos permitiría ter acceso a máis caladoiros e máis fondos da Unión Europea”, explicou Pontón, como Escocia ou Irlanda.

Outra das cuestión clave está en conseguir máis cota para a frota galega e, neste sentido, proponse converter o Brexit nunha oportunidade aproveitando a marcha do Reino Unido para modificar o status quo e reclamar ante a UE a supresión do principio de estabilidade relativa, “que non e máis que outro mecanismo que discrimina ao sector” e, por iso, o compromiso do BNG e promover a súa derrogación desde o Goberno da Xunta a partir do 5A.

“A pesca e o marisqueo son unha actividade económica e de creación de emprego estratéxica e que como tal vai ser tratada polo futuro Executivo da Xunta que desde o Bloque aspiramos a liderar”,  concluíu Pontón.

Pola súa parte, Ana Miranda reafirmou o compromiso de seguir loitando polo sector ante as institucións comunitarias, mentres que o portavoz municipal, Francisco Jorquera destacou que A Coruña desenvolveuse en paralelo ao seu porto, de tal xeito que a actividade pesqueira é motor económico pero tamén define a identidade da cidade.

A lonxa da Coruña xera 10.000 postos de traballo, move máis de 40.000 toneladas de descargas de capturas, conta con 3.000 usuarios directos nunha instalación punteira na que operan 50 barcos de altura e arrastre e 120 embarcacións de baixura.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG