parlamento galego

Ana Pontón compromete colaboración e visión de país para sacar aos galegos e galegas da crise sanitaria, económica e social

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil
Propón que a comisión de reactivación escoite aos colectivos máis afectados, así como ao persoal e responsables das residencias de maiores

A portavoz nacional, Ana Pontón, comprometeu que o BNG traballará na comisión para a reactivación económica, social e cultural creada pola crise do coronavirus “dende a colaboración e a visión de país para sacar aos galegos e galegas da maior crise sanitaria, económica e social das últimas décadas”.

Pontón apelou a superar as lexítimas “diferenzas políticas, normais e saudables nun sistema democrático”, para que a comisión sexa útil á hora de abordar os cambios que Galiza necesita para saír adiante: “podemos facelo dende a colaboración e a visión de país dando prioridade ao importante e ao urxente, que neste caso coinciden, sacar aos galegos e galegas da maior crise sanitaria, económica e social das últimas décadas”.

Na súa comparecencia, subliñou a necesidade de desenvolver un novo modelo económico e social asentado en tres eixes: reforzo dos servizos públicos, aposta pola economía verde e fortalecemento da capacidade produtiva do país. “A COVID está poñendo en evidencia que para superala -resaltou- é necesario a intervención pública na economía, servizos públicos e con medios e fortalecer os nosos dereitos sociais”.  

“Non podemos permitir que o medo ou o sálvese quen poida triunfen”

Pontón alentou á comisión a traballar con rigor, pero tamén con intensidade e sen perder tempo porque as persoas que se atopan no paro, nun ERTE, as autónomas ou a mocidade que se enfronta a unha segunda crise “non poden esperar a solucións dentro dun ano”. “Non podemos permitir que o medo, o individualismo ou o sálvese quen poida triunfen, porque desta crise ou saímos todos e todas ou non sairá ninguén”, alertou.  

Nesta liña tamén considerou preciso corrixir os erros do Goberno galego para non volver a repetilos e advertiu que o estado de alarma non é o demoledor, como indicou o presidente da Xunta, senón “as 374 persoas falecidas nas residencias de maiores e que non se blindaron nesta segunda onda; que non se reforzara con máis recursos e profesionais a atención primaria; que non haxa rastrexadores suficientes; que non se reduciran as ratios no ensino; a telemediciña”. “Demoledor é -engadiu- que as e os autónomos galegos aínda non recibiran nin un só euro de axudas directas do Goberno galego ou que o fondo COVID da UE se queira repartir entre as grandes empresas e multinacionais”.

A comisión arranca cun plan de traballo consensuado e entre as comparecencias solicitadas, o BNG puxo especial énfase na do persoal das residencias de maiores, de familiares de usuarios e usuarias, así como dos responsables empresariais destes centros por ser a zona cero da pandemia e porque un colectivo de apenas 20.000 persoas soporta o 45% dos falecementos polo virus.

“Cremos que é importante que se escoite a voz das familias que teñen un ser querido nunha residencia, que teñan que comparecer os responsábeis daquelas residencias que máis casos de contaxios masivos acumulan como son Domus Vi e Fundación San Rosendo”, explicou.

Igualmente, comparecerán a petición da formación nacionalista representantes dos sectores económicos máis afectados, dos colectivos sanitarios -como SOS Sanidade Pública ou Médicas Precarias-, investigadores e invetigadoras e expertos e expertas da sanidade, o ámbito económico e o mundo académico, representantes dos municipios, das universidades e das organizacións sindicais, entre outros.

Máis alá do estado de alarma, que “por si só non vai frear a pandemia”, Pontón finalizou pedindo a Feixóo que adopte as decisións políticas que lle corresponden como presidente da Xunta para combater o virus: reforzar a atención primaria, un plan de rastrexadores que permita localizar os contaxios en tempo e forma e blindar as residencias de maiores cunha intervención pública. “Que faga a súa parte do traballo”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG