Ana Pontón coloca Carballo como exemplo do modelo municipal de éxito do BNG a estender por Galiza

Carballo
Carballo

Pide un apoio rotundo para Ferrero: “Hai que encher as urnas de papeletas BNG para outros catro anos máis de liderado de Evencio como alcalde”

Ana Pontón coloca Carballo como exemplo do modelo municipal de éxito do BNG a estender por Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Carballo para apoiar a candidatura que lidera o actual alcalde a candidato á reeleción, Evencio Ferrero, visita que lle permitiu volver poñer en valor o modelo municipal do BNG, un modelo transformador que mellora a vida das persoas como demostrou en Carballo.

“Deixa  á vista a capacidade de transformación dos gobernos BNG que melloran a vida das persoas e crean dinamismo económico, social e cultural, cun Carballo convertido  hoxe nun referente en toda Galiza polo seu bo facer. Antes era un lugar parado no tempo, sen pulso, que quedaba no camiño en dirección A Coruña. Pero hoxe esta vila é unha referencia en toda a comarca e en todo o país”, salientou Pontón, tras o reparto electoral con Ferrero e o resto da candidatura no mercado da vila.

"O BNG é o referente para todas as persoas que queren políticas transformadoras, que queren ver as súas vilas que avanzan, que progresan, confiando na nosa lingua, na nosa cultura, na nosa identidade e sendo capaces de poñer en marcha unha mellora dos servizos públicos e concellos sustentables. Todos son sinais de identidade do modelo municipal do BNG que podemos ver con toda plenitude en Carballo”, argumentou.

CarballoPontón explicou que Carballo sintetiza os sinais de identidade do modelo de éxito do BNG, que se quere estender por Galiza o 26M.

O urbanismo a favor das persoas, -no que hai un claro antes e despois da chegada do BNG á Alcaldía-; a política cultural, “con orgullo de ser un concello galego, de defender a nosa lingua, logrando unha programación que está  á altura da de calquera cidade”; o dinamismo económico, “cun parque empresarial que avanza e cunha aposta polo comercio local e de proximidade demostrando que desde o ámbito municipal tamén se poden crear condicións para xerar riqueza e emprego”.

Co aval do traballo feito,  visible na transformación en positivo de Carballo, Pontón pediu un apoio rotundo á candidatura BNG para que Carballo volva ter catro anos de Evencio Ferrero como alcalde.

“Pedimos o apoio dos e das veciñas para revalidar a confianza no actual alcalde e no seu equipo o 26M, porque é un concello que avanza, que progresa, que mellora a calidade de vida das persoas, exemplo de transformación urbana”.

CarballoMobilizarse para seguir avanzando

Por iso, recalcou, “pedimos a todo mundo que se mobilice estes días de campaña, falar coas persoas do noso entorno para renovar esa confianza no proxecto do BNG e que Carballo siga avanzando: quen queira catro anos máis de Evencio Ferrero ten que coller a papeleta BNG o vindeiro 26M, encher as urnas de papeletas ao Bloque porque esa é a garantía de que Carballo vai seguir avanzando de maneira imparable cun proxecto que xa demostrou do que é capaz”, recalcou Pontón.

O proxecto que representa o BNG nesta vila, “ganou en experiencia, capacidade de xestión, en visión estratéxica de cara onde camiña Carballo e é importante que non se torza o vindeiro 26M”, concluíu, lembrando un dos lemas de campaña: “o mellor está por vir”

Pola súa parte, o actual rexedor e candidato aproveitou o día de mercado para presumir dos resultados das políticas levadas a cabo desde o Goberno local. “E día de mercado nun concello que ten convertidas as prazas en auténticas ágoras onde se compra, se desfruta, sen convive, en punto de encontro da veciñanza no que é un dos sinais de identidade do modelo municipal do BNG: a recuperación do espazo público cun urbanismo humanizado e unha aposta pola peonalización”, explicou.

“Somos concellos transformadores e creamos bos lugares para vivir, con políticas novidosas e cada vez máis persoas se senten orgullosas de ser de Carballo, por iso traballamos para ter, de novo, a confianza da veciñanza deste concello o 26M”, concluíu Ferrero.