Ana Pontón coloca o BNG como a opción de cambio real en Ferrol fronte o vello bipartidismo e os que só trouxeron decepción

Iván Rivas: “Somos a única alternativa para que Ferrol teña un futuro diferente fronte aos que só poden ofrecer máis do mesmo”. Aposta do Bloque para impulsar políticas feministas desde o concello

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Ferrol unha gran mobilización o 26M e colocou ao BNG como a opción para un cambio real neste concello da man da candidatura que lidera Iván Rivas, e por iso apelou a non resignarse nin coas fórmulas fracasadas do bipartidismo de sempre, nin cos que só trouxeron decepción estes catro anos.

“Fago un chamamento á mobilización,a que haxa unha participación masiva para que a cidadanía se deixe sentir nas urnas”, salientou Pontón, “a aposta para todas as persoas que queren cambios transformadores é a papeleta do BNG, porque temos un proxecto sólido de futuro, pensado desde Galiza, demostramos que facemos as cousas ben, que temos capacidade para sacar o mellor dos concellos”.

Por iso, e de cara á cita electoral, Pontón pediu en Ferrol apostar polo modelo municipal do Bloque, capaz de converter en referentes os concellos nos que goberna.

Non hai que conformarse, dixo, “nin co vello bipartidismo nin con esas fórmulas que nos dixeron que viñan cambialo todo e non foron capaces nin de facer xestión. O BNG é una alternativa segura para todas as persoas inconformistas que queren concellos dinámicos e comprometidos co galego, co comercio local, co feminismo e con mellorar a vida das persoas”, recalcou.

Ferrol, onde participou nun acto de campaña xunto co candidato Iván Rivas, é un exemplo de que o Bloque é a mellor aposta para mudar o rumbo desta cidade a partir do domingo: “Ten un enorme potencial e se está como está é pola ineficacia dos últimos gobernos municipais que non foron capaces de poñer en marcha un proxecto transformador que mudase o pesimismo en ilusión e en futuro”, indicou.

“A alternativa en Ferrol é a candidatura do Bloque que encabeza Iván Rivas, cun proxecto claro, cun equipo sólido, a aposta segura para todas as persoas decepcionadas co que pasou. Non teñen que conformarse co vello bipartidismo que xa sabemos que da de si, nin resignarse a esa desilusión que xeraron aqueles que viñan cambialo todo e non foron nin capaces de xestionar o día a dia. Teñen no BNG a alternativa de cambio real que pode darlle un futuro a Ferrol”, subliñou.

Un argumento no que tamén afondou Iván Rivas: “A única alternativa para que a cidade de Ferrol poda encarar o futuro dunha maneira totalmente diferente é o BNG, o señor Rey Varela foi alcalde catro anos e a cidade está como está, Jorge Suárez tamén, e o mesmo candidato socialista estivo no goberno. É obvio que o que lles poden ofrecer é máis do mesmo”.

En relación ao candidato popular, Rivas  pediulle explicacións pola súa xestión como conselleiro de asuntos sociais. Así, fixo referencia as denuncias pola mala calidade dos menús nun centro de menores na cidade, o retraso na xestión da RISGA, demoras no recoñecemento da discapacidade e de que non se cumpre os prazos de atención á dependencia. “Ten que dar explicacións da súa xestión como conselleiro porque supón unha vulneración de dereitos básicos das persoas”.

No acto de campaña abordaron as propostas do Bloque para conformar concellos feministas que traballen a favor da igualdade e dos dereitos das mulleres.

Independencia económica das mulleres

Neste sentido, a número dous da candidatura, María do Mar López, explicou o compromiso do BNG “por impulsar as axudas que dependan do  concello e reclamar doutras administracións que cumpran os obxectivos de xénero, promover alternativas para que as mulleres se auto empreguen e poidan ter independencia económica”.

Igualmente, dixo, “traballaremos para dotar e mellorar os servizos que presta a Casa da Muller, poñer o foco en solucionar a problemática dos coidados e da discriminación, e para que Ferrol sexa unha cidade libre de desigualdades e de agresións contra as mulleres. Queremos transformar a cidade desde unha perspectiva de xénero feminista”.

Concellos feministas

Pontón destacou que o BNG promove concellos comprometidos coa igualdade, cunha aposta para acabar coa discriminación das mulleres no acceso ao emprego, para loitar por unha sociedade máis igualitaria e facer dos concellos un axente máis contra a violencia machista, “porque no actual contexto de involución, non podemos dar nin un paso atrás”.

Cláusulas de igualdade no acceso á emprego público, penalizar ás empresas que discriminan ás mulleres, apostar por facilitar a conciliación familiar e laboral, son algunhas das medidas. “Non se poden usar recursos públicos para financiar ningunha actuación que vaia contra os dereitos e as liberdades das mulleres ou que perpetúe discriminacións laborais”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG