Ana Pontón coloca ao BNG como alternativa de goberno ás políticas fracasadas do PP que deixan unha Galiza máis pequena

Ana Pontón
Ana Pontón

Rueda, alega, é vicepresidente dun Executivo que lega unha “desfeita”: menos industria, emprego ou sanidade, pero que triplicou a débeda

O PP é o “Goberno do NON” a todo o que sexa defensa do País, mentres que o BNG é a alternativa para liderar un tempo novo desde a confianza en Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, compareceu en rolda de prensa e fixo balance dos 13 anos de Goberno do PP nun contexto en que, con toda probabilidade, este pleno parlamentario será a última sesión de control de Núñez Feixóo, balance que cualificou de “desfeita” xa que deixa unha Galiza “peor da que encontrou” e “máis pequena” en todos os ámbitos.

Fronte a un Executivo do PP, incapaz de conseguir “nin unha soa nova competencia en 13 anos” e que, inmerso no seu centralismo, reduciu Galiza “a un simple satélite de Madrid”, Pontón defendeu “outra Galiza posible, unha Galiza en grande”, polo que reafirmou o compromiso do BNG para “traballar con humildade e con man tendida a todos os galegos e galegas que queren construír esa outra Galiza” para abrir un tempo novo liderando o próximo goberno da Xunta.

“Precisamos novas ideas para sacar adiante o País nun momento no que o PP ofrece políticas fracasadas”, asegurou, logo de repasar algúns dos indicadores que mostran a Galiza real, “por debaixo da propaganda e a mentira do PP”. Neste sentido, apuntou que o País perdeu 14.700 empregos na industria, cun Goberno do PP “incapaz de salvar unha soa empresa en crise”, 6.200 postos de traballo na pesca e 17.400 no agro, coa desaparición da metade das explotacións leiteiras. A isto sumou un investimento en I+D+i inferior ao de 2008, máis baixo da media estatal e a unha distancia “sideral” da media europea: “de feito, desapareceron a metade das empresas innovadoras do País”, alertou.

Respecto dos servizos públicos, Pontón recordou que durante estes 13 anos de Goberno do PP, do que foi vicepresidente Alfonso Rueda, non se construíu ningunha residencia pública, co 85% das prazas privadas ou de xestión privada (a taxa máis alta de todo o Estado) e, ademais, pechouse un de cada dez centros de ensino público e as universidades acumulan un recorte orzamentario de 826 millóns de euros.

Xunto á perda de dúas caixas de aforro, no ámbito financeiro advertiu da destrución de 5.000 empregos, o peche de máis da metade das oficinas bancarias e da aparición da exclusión financeira, “con miles de persoas que nin tan sequera teñen un caixeiro para acceder ao seu diñeiro”, así como do que cualificou como “aumento do espolio do aforro”, con máis de 27.000 millóns que se invisten fóra do País.

“Mais o Goberno do PP tamén deixa unha Galiza máis pequena en termos de igualdade social, con máis de 600.000 galegos e galegas en risco de pobreza e cun aumento da pobreza severa dun 20% no último ano”, engadiu logo de subliñar que, ademais, o galego segue sendo a única lingua do Estado que perde falantes e que a natalidade “está en caída libre”, con proxeccións do IGE que apuntan á perda do 7% da poboación nos próximos 15 anos. Segundo afirmou, o único que se fixo máis grande nestes 13 últimos anos, en concreto tres veces máis grande, foi a débeda pública, situada en preto dos 15.000 millóns, o que equivale ao 19,2% do PIB.

A líder nacionalista exemplificou así un Goberno do PP que tamén cualificou como “o goberno do NON”, dado que dixo non a todo o que signifique defender os intereses galegos. “Non a reforzar a Atención Primaria; non a un sistema de residencias públicas; non a usar os recursos do País para crear emprego e riqueza aquí; non a un pacto pola ciencia; non a darlle futuro á xente moza; non á tarifa eléctrica galega; non a un sistema de financiamento que nos permita ter a chave dos nosos cartos”, enumerou, para concluír a continuación que aos que si lles dixo si foi aos “lobbies eléctricos e económicos madrileños”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG