Ana Pontón: “Co actual modelo forestal do PP só ganan as grandes empresas, mentres perde Galiza”

Visita montes Rianxo
Visita montes Rianxo

Anuncia iniciativas do BNG no Parlamento para abordar outro modelo forestal e insta á Xunta a comprometerse con medidas para rexenerar as zonas afectadas  

Néstor Rego pide rapidez ás administracións públicas para minimizar as consecuencias dos incendios

Ana Pontón: “Co actual modelo forestal do PP só ganan as grandes empresas, mentres perde Galiza”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón visitou hoxe as zonas afectadas polos incendios en Dodro e Rianxo, onde mantivo un encontro  cos veciños e veciñas que nas últimas 48 horas tiveron que enfrontarse as lapas, nalgúns casos, cerca das vivendas e centros escolares.

A portavoz nacionalista, acompañada polo cabeza de lista pola Coruña ao Congreso, Néstor Rego e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños avanzou que o BNG presentará iniciativas no Parlamento galego para instar á Xunta a cambiar o actual modelo forestal. Un modelo, dixo, “ao servizo de grandes empresas” mentres Galiza perde o seu gran patrimonio dos montes. “Un modelo forestal equivocado que está a converter a riqueza nun grave problema ambiental”.

Para nacionalista é  momento de avaliar os danos nos concellos de Rianxo e Dodro pero tamén do compromiso de investimentos contra a destrución do patrimonio. A Xunta de Galiza, explicou, “debe comprometerse con  medidas de rexeneración” e axudas para as comunidades de monte que realizaron investimentos que agora ven “estragados” polo lume. Neste sentido, avanzou que o BNG esixirá no Parlamento galego medidas para cambiar un modelo forestal que non garante rendas de futuro e  provoca graves problemas sobre o medio ambiente e a seguridade das persoas.

Na mesma liña que a portavoz nacional do BNG, o cabeza de lista ao Congreso pola provincia da Coruña, Néstor Rego, trasladou a solidariedade aos veciños e veciñas que viviron con “medio e pánico” os incendios e agradeceu especialmente o traballo realizado polos profesionais, voluntarios e voluntarias nas tarefas de extinción.

REGO PIDE RAPIDEZ Á XUNTA PARA PALIAR AS CONSECENCIAS DOS LUMES

Néstor Rego advertiu que os efectos dos incendios merecen “unha actuación rápida” por parte das administracións publicas co fin de  minimizar as consecuencias da erosión. O cabeza de lista do BNG ao Congreso lembrou que o Bloque sempre  defendeu políticas de “ordenación forestal, así como as políticas de  prevención e extinción” e agora máis que nunca, recalcou o candidato,  é preciso preservar o medio natural  para garantir o futuro do planeta e para  garantir ese futuro,  primeiro “temos que preservar a natureza e biodiversidade do noso país e na súa defensa sempre estará o BNG”.

O ALCALDE DE RIANXO ADVIRTE QUE AS CHUVIAS PODEN ARRASTRAR CINZA Á RÍA DE AROUSA

Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo amosou o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraron na extinción dos lumes e lembrou que agora a preocupación centrase nas chuvias e posible arrastre da cinza á Ría de Arousa.

O incendio, explicou, “levou por diante máis de 1.000 hectáreas, pero sobre todo  riqueza e traballo das comunidades de montes, propietarios, comunidades en man común, propiedades privadas e tamén municipais”. Pasados os incendios, dixo, agora toca unha segunda fase para coñecer as verdadeiras causas . O alcalde de Rianxo lembrou que no ano 2.006 a riqueza forestal do concello foi destruída na súa practica totalidade de aí, a necesidade de buscar as causas pero sobre todo alternativas para unha mellor xestión forestal.

Adolfo Muíños coincidiu con Ana Pontón e o candidato ao Congreso, Néstor Rego en que é preciso reclamar “outra política forestal” porque o actual, dixo,  non é “eficaz” e cada ano repítense os mesmos estragos. O alcalde de Rianxo pediu “dar un paso adiante” e poñer en marcha medidas que impidan que incendios como os rexistrados hai 48 horas en Rianxo e Dodro se volvan a repetir.