Xerais 2019

Ana Pontón chama á participación da mocidade: “Votade con rebeldía e a favor dun futuro neste país”

Encontro nun piso de estudantes en Santiago. “Vexo que moitos seguen sen calefacción igual que cando eu compartía fai vinte anos”, lembra

Rego, convencido de que a mocidade freará a dereita antigalega de Vox e Ciudadanos

A portavoz nacional, Ana Pontón, tivo oportunidade de rememorar a súa etapa como estudante  vinte anos atrás nun encontro con xente nova nun piso de estudantes en Santiago de Compostela, onde compartiu café e conversa sobre as cuestións que lle preocupan a xuventude do país: precariedade, desemprego ou emigración, bolsas escasas que tardan en cobrarse, a violencia machista entre outros.

Un encontro que Pontón aproveitou para facer un chamamento á participación da xente moza o 28A e a facelo ignorando aos que propagan o discurso do medo.

“Animar a todos os mozos e mozas galegas a que participen nas eleccións desde a rebeldía e favor de ter futuro neste país, con rebeldía, que non se deixen levar por esa cantinela do voto útil que o único que pretende é que nos conformemos co mal menor e, sobre todo, que non se deixen levar pola política da crispación e do medo, única proposta que ten a dereita nestas eleccións”, salientou.

“Estou segura que a mocidade vai ser a clave para que o 28A Galiza conte no Estado e iso se traduza en máis oportunidades para a xente moza, que signifique un revulsivo para este país e que sexamos capaces de devolverlle unha voz a Galiza nun momento excepcional”, recalcou.

No café cos mozos e mozas, -“vexo que vinte anos despois sigue habendo pisos sen calefacción como na miña época”-,  apelou á mocidade galega que quere facerse escoitar no Congreso a partir do próximo domingo. “Sei que vai haber un voto rebelde e que hai moita xente nova que o 28 de abril quere ir votar con ilusión, con convicción neste país, porque temos moito que gañar se confiamos nas nosas propias posibilidades”, recalcou.

A líder nacionalista animou á mocidade a ser motor “dos cambios necesarios para que non limiten o voso futuro á precariedade ou a marchar como única opción laboral, cambios para mellorar o sistema educativo con máis bolsas de estudo e maior dotación, que pondere máis o nivel de renda das familias á hora de concedelas e non tanto o expediente, porque se trata de facilitar o acceso ao ensino superior con independencia da familia, labrega ou empresaria. E, igualmente, que esas bolsas se xestionen desde Galiza para que cheguen antes ás persoas beneficiadas”, explicou.

A mobilidade foi outra das cuestións abordadas, reclamando un transporte por tren de proximidade con horarios e prezos razoables, “non esas tarifas desorbitadas por exemplo no traxecto entre Ourense e Santiago”. Asuntos dos que non falaron as forza estatais “que agora veñen en campaña a pedir o voto”, lembrou. Contra ese agravio pediu dar unha resposta clara nas urnas o 28A.

No encontro tamén participou a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, e o candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, quen se mostrou convencido de que a mocidade “parará a esa dereita carca e antigalega que representa Vox e Cs aos que o BNG disputa escanos en Coruña e Pontevedra”, salientou.

“Temos unha mocidade sensible ao que está pasando no país, que quere derrogar a LOMCE, defende unha universidade publica de calidade, que quere que traballemos para darlle unha oportunidade de futuro, que está preocupada pola situación política,  pola involución democrática, pola perda de dereitos e liberdades e todo iso vaise expresar nas urnas o 28 A”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG