Ana Pontón chama a unha mobilización masiva e pon o BNG como a opción de cambio real nos concellos

O 26M insta a non resignarse nin co vello bipartidismo nin cos gobernos da decepción. De visita en Ferrol, puxo esta cidade como exemplo de que alternativa de futuro pasa polo proxecto do Bloque

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Ferrol unha gran mobilización nas urnas o 26M e colocou ao BNG como a opción para un cambio real nos concellos, da man dun modelo municipal que xa demostrou que funciona e capaz de converter en referentes as vilas e cidades nas que goberna.

“Fago un chamamento á mobilización, a que o 26M haxa unha participación masiva para que a cidadanía se deixe sentir nas urnas”, salientou Pontón, “a aposta para todas as persoas que queren cambios transformadores é a papeleta do BNG, porque temos un proxecto sólido de futuro, pensado desde Galiza, demostramos que facemos as cousas ben, que temos capacidade para sacar o mellor dos concellos”.

Por iso, e de cara á cita electoral, Pontón pediu aos galegos e as galegas que non se resignen “nin co vello bipartidismo nin con esas fórmulas que nos dixeron que viñan cambialo todo pero non foron capaces de xestionar o día a día. O BNG é una alternativa segura para todas as persoas inconformistas que queren concellos dinámicos e comprometidos co galego, co comercio local, co feminismo e con mellorar a vida das persoas”, recalcou.

Unha “gran mobilización”, reiterou, é o que se precisa para que “toda esa corrente de simpatía cara o BNG se transforme en votos para construír un país mellor tamén desde os concellos”. Ferrol, onde participou nun acto de campaña xunto co candidato Iván Rivas, é un exemplo de que o Bloque é a mellor aposta para mudar o rumbo desta cidade a partir do domingo.

Ferrol “Ten un enorme potencial e se está como está é pola ineficacia dos últimos gobernos municipais que non foron capaces de poñer en marcha un proxecto transformador que mudase o pesimismo en ilusión e en futuro”, indicou.

“A alternativa en Ferrol é a candidatura do Bloque que encabeza Iván Rivas, cun proxecto claro, cun equipo sólido é a aposta segura para todas as persoas que neste momento están decepcionadas co que pasou e dicímoslle que non teñen que conformarse co vello bipartidismo que xa sabemos que da de si, nin resignarse a esa desilusión que xeraron aqueles que viñan cambialo todo e non foron nin capaces de xestionar o día a día. Todas esas persoas teñen no BNG a alternativa de cambio real que pode darlle un futuro a Ferrol”, argumentou.

No acto de campaña nesta urbe abordaron as propostas do Bloque para conformar concellos feministas que traballen a favor da igualdade e dos dereitos das mulleres.

Concellos comprometidas coa igualdade, cunha aposta para acabar coa discriminación das mulleres no acceso ao emprego, para loitar por unha sociedade máis igualitaria e facer dos concellos un axente máis de loita contra a violencia machista, “porque no actual contexto de involución, non podemos dar nin un paso atrás”, salientou Pontón.

Cláusulas de igualdade no acceso á emprego público, penalizar ás empresas que discriminan ás mulleres, apostar por facilitar a conciliación familiar e laboral, son algunhas das medidas. “Non se poden usar recursos públicos para financiar ningunha actuación que vaia contra os dereitos e as liberdades das mulleres ou que perpetúe discriminacións laborais”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG