GALEGAS 2020

Ana Pontón chama a unha mobilización masiva nas urnas e a concentrar no BNG todo o voto desa maioría social que quere un cambio galego o 12X

Acto Tomiño
Acto Tomiño

Só hai dúas alternativas: “ou inmobilismo do PP ou cambio galego co BNG”, proclamou apelando a facer historia para que Galiza teña unha muller presidenta

Bara: “Un goberno liderado polo BNG apostará de cheo polo territorio miñoto transfronteirizo”

Ana Pontón chama a unha mobilización masiva nas urnas e a concentrar no BNG todo o voto desa maioría social que quere un cambio galego o 12X

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, fixo desde Tomiño un chamamento á mobilización masiva nas urnas o 12X e unha apelación a concentrar no BNG todo o voto da maioría social que quere un cambio real, un cambio galego para facer posible a derrota do PP e dar paso a un tempo novo en Galiza.

Para conseguilo, “hai que encher as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galiza un goberno que se faga valer liderado, por primeira vez na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista”, proclamou, porque só hai dúas opcións sobre a mesa: “ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG”.

Acto TomiñoPoñendo Tomiño como “exemplo” do que o Bloque é capaz de facer onde goberna, da capacidade contrastada para transformar en positivo á vida das persoas, de poñer en marcha proxectos que dinamizan desde o punto de vista económico e social, Pontón convidou a trasladar ao conxunto de Galiza ese “bo facer” dos gobernos municipais do BNG.

A candidata á Presidencia destacou que “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, se nos facemos valer, cada vez somo máis as que queremos superar esta Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e toda esa xente mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”.

“Temos un obxectivo tan ambicioso como ilusionante: facer historia é que por primeira vez Galiza teña unha muller nacionalista como presidenta”, proclamou, “facer historia é conseguir o cambio que prenda o motor deste país e venza á parálise e a submisión que representa o PP; facer historia é construír unha nova Galiza, gobernada desde nós, viva, dinámica, con futuro, que se faga valer, que non baixe a cabeza diante de Madrid e que aposte con decisión por abrir un país novo”, explicou Pontón.

Neste sentido, e ante a porcentaxe elevada de persoas que non teñen decidido o seu voto, a líder nacionalista fixo un chamamento instando a que se sumen á “onda de cambio galego que cada día vai a máis e que o fagan da man do BNG, porque temos un proxecto solvente, de futuro, porque non imos fallar e porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, e no seu potencial”, salientou.

Acto Tomiño“Quero ser a presidenta desa nova Galiza, dese país que se vai facer valer, que vai usar ao seu favor a súa capacidade, o seu potencial, os seus recursos. E por iso, apelo hoxe a toda esa Galiza viva, dinámica e esperanzada que non quere catro anos máis de parálise e retroceso senón que quere abrir un tempo novo dan man dun Goberno presidido polo BNG cunha muller á fronte”, proclamou.

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, aproveitou a súa intervención para comprometerse a que o BNG se porá á fronte da cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal, territorio que cualificou como unha “plataforma para impulsar Galiza de cara á lusofonía”. Destacou que é preciso considerar prioritaria a relación co país veciño e insistiu na necesidade de mellorar infraestruturas, nomeadamente “da saída sur na estación de Vigo e dun tren Vigo-Porto do século XXI, moderno e seguro é fundamental”, dixo.

Recuperar o tempo perdido

É preciso, -destacou-, poñer fin aos once últimos anos perdidos de Feixóo para a Eurorrexión, xa que lembrou que as súas únicas iniciativas foron “a desidia, o desinterese e a inoperancia”. Como exemplo puxo a desaparición da Xunta na reivindicación da apertura de pasos na fronteira durante a crise da COVID-19, unha loita, lembrou Bará, que foi liderada polas alcaldías dos concellos transfronteirizos e polo director do AECT Uxío Benítez.

Bará destacou que é preciso traballar arreo polo territorio miñoto transfronteirizo e a súa recuperación socioeconómica tras a crise sanitaria. Puxo enriba da mesa a proposta de colaborar desde un Goberno liderado polo BNG coa AECT Río Miño para desenvolver un Investimento Territorial Integrado (ITI) que unifique todos os fondos das diferentes administracións co fin de potenciar a zona e salvar o desastre “económico e psicolóxico creado co peche da fronteira”.

 

Ana Pontón chama a unha mobilización masiva nas urnas e a concentrar no BNG todo o voto desa maioría social que quere un cambio galego o 12X