Galegas 2020

Ana Pontón chama a facer historia e conseguir para Galiza un goberno que se faga valer liderado polo BNG cunha muller presidenta

Acto Moaña
Acto Moaña

Pide unha gran mobilización nas urnas e concentrar no BNG o voto de toda as persoas que queren un cambio galego a partir do 12X

Bará súmase á petición de mobilización porque “quedar na casa é votar ao PP”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o mitin de Moaña para facer un chamamento á mobilización masiva de todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Galiza e a concentrar esas “ansias de cambio real” no BNG como a mellor alternativa para deixar atrás once anos de retroceso e decadencia legado do PP. Para conseguir ese cambio galego que unha maioría social desexa a receita é dobre: mobilización masiva nas urnas e concentración do voto no BNG.

“Hai que encher as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galiza un goberno que se faga valer liderado, por primeira vez na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista”, proclamou, porque só hai dúas opcións sobre a mesa, ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG”.

A líder nacionalista destacou o aval que supoñen os gobernos municipais do BNG, como no caso de Moaña ou de Bueu na comarca do Morrazo, exemplos da capacidade para transformar en positivo á vida das persoas, de poñer en marcha proxectos que dinamizan desde o punto de vista económico e social as vilas e cidades onde goberna. “Que non poderíamos facer polo país se a partir do 12X Galiza ten un goberno liderado polo BNG, esta comarca vai dar un paso de xigante cando na Xunta teña un goberno aliado, que sume en lugar de poñer paus nas rodas, un goberno que atenda ás lexítimas demandas da súa veciñanza”, interpelou a candidata.

Pontón deixou claro que o Bloque vai a por todas nestas eleccións, co obxectivo de darlle unha alternativa de futuro ao país e co convencida de que o cambio galego é posible “se todas as persoas que queremos construír unha nova Galiza expresamos esa vontade nas urnas collendo a papeleta do BNG, se é así, o 12 de xullo imos dar a badalada e amargarlle a noite electoral ao PP”, animou.

O reto é “tan ambicioso como ilusionante”, declarou, “o reto é facer historia é que por primeira vez Galiza teña unha muller nacionalista como presidenta, conseguir o cambio que prenda o motor da reconstrución económica e social, para deixar atrás a parálise e a submisión e abrir paso a unha Galiza gobernada desde nós, viva, dinámica, con futuro, que se faga valer, que non baixe a cabeza diante de Madrid e que aposte con decisión por abrir un país novo”, explicou Pontón.

Acto MoañaA candidata á Presidencia instou ás persoas que aínda non teñen decidido o seu voto a sumarse “a onda de cambio galego que cada día vai a máis”, apostando por un BNG “que ten un proxecto solvente, de futuro, porque somos a mellor alternativa para desaloxar ao PP e con el as súas políticas de recortes, privatizacións e destrución do tecido industrial e dar paso a un Goberno que cree neste país, e no seu potencial”, salientou.

“Quero ser a presidenta desa nova Galiza, dese país que vai usar ao seu favor a súa capacidade, o seu potencial, os seus recursos. E por iso, apelo hoxe a toda esa Galiza viva, dinámica e esperanzada que non quere catro anos máis de parálise e retroceso senón que quere abrir un tempo novo dan man dun Goberno presidido polo BNG cunha muller á fronte”, proclamou.

A candidata á Presidencia destacou que “cada vez máis xente percibe que Galiza ten futuro se cremos en nós mesmas, en nós mesmos, cada vez somos máis as que queremos superar esta Galiza submisa, estancada e irrelevante que nos deixa o candidato do PP e toda esa xente mira para o BNG para poñer en marcha un proxecto de modernización e avance económico e social”, concluíu.

Hai partido e podemos ganar o futuro no Morrazo

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, subliñou que o voto ao BNG terá un valor dobre pois servirá para confinar na oposición ao PP e, ao mesmo tempo, desterrar o centralismo madrileño “que nos afoga e paraliza”. O nacionalista apelou á necesaria concentración do voto na candidatura que lidera Pontón “da xente que quere cambio galego e un goberno que confíe no país”, proclamou.

Bará sinalou que “hai partido” e non está nada decidido pois con que o PP perda un escano por provincia caerá a súa maioría absoluta. Lembrou que todas as enquisas sinalan que a maioría de galegos e galegas quere cambio e subliñou que é necesario que non quede ninguén na casa: “Hai que deixar atrás a abstención e o pesimismo porque é posible un tempo novo, quedar na casa é como votar ao PP e non se pode perder ningún voto a favor do cambio galego”, subliñou.

Bará afirmou tamén, en relación ao Morrazo, que Moaña, Bueu e os concellos da comarca nos que está o Bloque conseguiron avanzar cun goberno do BNG ao tempo que fixo fincapé en que, cun goberno aliado na Xunta “que lles dea un trato xusto” van avanzar moito máis e poder desenvolver proxectos fundamentais para mellorar os servizos públicos, as infraestruturas, as comunicacións e tamén o despegue económico apostando polo sector do mar, da industria e pola posta en valor dos recursos naturais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG