Xerais 2019

Ana Pontón e Carme da Silva baixan a pé de praia para visibilizar o traballo das mariscadoras

Loita contra a contaminación mariña, plan de rexeneración integral das rías e mellorar as rendas das mariscadoras, prioridades para Da Silva

Poñerse na pel das miles de mulleres que traballan nas rías galegas levou a portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, a poñerse as botas e compartir tarefa con mariscadoras na Ría de Arousa.

“Visibilizar o seu traballo e contribuír ao seu recoñecemento social”, subliñou Pontón, “poñer o noso grao de area neses obxectivos”. O compromiso dun BNG decisivo en Madrid é defender no Congreso medidas para mellorar as súas condicións laborais e salariais, a rexeneración integral das rías e a transferencia da loita contra a contaminación mariña.

“Son os compromisos do BNG sabendo que podemos ser decisivas tras o 28A e que  Galiza pode decantar a política a do Estado collendo a papeleta dunha BNG que presenta un proxecto sólido, unido coa cabeza e co corazón neste país e cun obxectivo: traballar por este país dándolle voz tamén á  xente do mar”.

Na recta final de campaña, subliñou Pontón, “o que estamos vendo é que hai partido, que Galiza pode estar con voz propia en Madrid e que hai que sumar no BNG os votos de todas as persoas que queren esa voz propia no Congreso e queren frear a dereita carca, machista e antigalega á que lle disputamos escanos pola Coruña e Pontevedra”, recalcou.

MariscadorasPor tanto, a líder nacionalista apelou “ás persoas que queren que Galiza conte pero que tamén están preocupadas por esa dereita extrema. Non teñen que renunciar a nada porque co voto ao BNG Galiza será decisiva no Estado e evitaremos que entre esa dereita antigalega e reaccionaria de Vox e Ciudadanos”.

Desde Cambados, no corazón da Ría de Arousa a máis produtiva do mundo, Pontón reflexionou sobre a capacidade de xerar emprego das rías galegas que se multiplicaría se estivesen completamente saneadas de Norte a Sur.

“Coidar as nosas rías significa coidar a biodiversidade e o medio ambiente pero tamén facer unha aposta pola creación de riqueza e de emprego. Estanse perdendo moitos postos de traballo porque segue pendente  rexeneración integral das nosas rías”, explicou.

Salarios e pensión dignas

Detrás das mans das mariscadoras que rañan na area sae un produto de gran valor comercial que debe aportar máis rendas a quen realiza o traballo directo no mar, “salarios dignos, condicións laborais dignas e pensións dignas” serán as nosas prioridades”, indicou Pontón ante as mariscadoras.

Compromisos nos que insistiu Carme da Silva enumerando as principais propostas que defenderá nun Congreso sen maiorías absolutas: Plan de rexeneración integral das rías galegas, con fondos tanto do Estado como da UE e da Xunta, “que poña en valor todo o potencial e riqueza destas augas, para crear máis emprego e de máis calidade”.

En segundo lugar, a transferencia da competencia en materia contra a contaminación mariña e máis medios, “que permitan camiñar cara o obxectivo de vertidos cero”. Mellorar as condicións laborais das mariscadoras, con medidas como incrementar os redutores da idade de xubilación e o recoñecemento de enfermidades laborais para as doenzas máis comúns nestas traballadoras tras unha vida no mar.

Igualmente, Da Silva trasladará ao Congreso propostas que contribúan a poñer en valor os produtos galegos, con medidas que pasan por “limitar e controlar a importación de especies foráneas” e por darlle “marca de calidade a un produto do país que xa ten un gran prestixio” o que, ademais, redundará nun incremento do valor de mercado que debe trasladarse ás rendas das mariscadoras.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG